O IDIS consegue a reacreditación como instituto de investigación sanitaria e sitúase na vangarda da ciencia biomédica nacional

9 Xullo 2020

O Instituto de Saúde Carlos III volve recoñecer o seu potencial e a excelencia como centro de referencia no panorama nacional e acredítao para desenvolver o seu labor durante o próximos cinco anos

As fortalezas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) acaban de ser recoñecidas unha vez máis polo Instituto de Saúde Carlos III. Nun acto presidido polo Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, e o Reitor da USC, Antonio López, o centro dirixido polo Dr. José Castillo, conseguía a reacreditación como instituto de investigación sanitaria, fito que o capacita para desenvolver o seu labor durante cinco anos máis. Trátase este do segundo proceso de reacreditación que supera o IDIS, situándose en primeira liña da ciencia biomédica en Galicia e España.

Balance positivo do exercicio 2019

Os indicadores de actividade do ano 2019 mostran incrementos en todas as súas áreas, destacando a subida do 10% de fondos captados (32 M€), a produción científica con máis de 800 publicacións; 65 novos contratos de persoal e o capítulo da transferencia con 44 patentes e 5 spin- offs

Tamén onte dábanse a coñecer os datos máis significativos do exercicio 2019 aprobando a súa Memoria Anual de Actividade. Os indicadores, con incrementos en todas as súas áreas, desvelan un aumento dos fondos captados do 10% respecto ao ano anterior, cun total de 32.208.340 euros. Destacan os 92 proxectos activos (57 nacionais, 15 internacionais e 20 rexionais) e un incremento superior ao 50% (56,3%) de fondos destinados ao desenvolvemento destes programas.

No capítulo de Recursos Humanos, o pasado exercicio permitía a contratación de 65 persoas. Súmanse así aos 1.280 profesionais que conforman o Instituto (209 máis que o ano anterior), integrados en 94 grupos organizados en 6 áreas de investigación: oncoloxía, xenética e bioloxía de sistemas, endocrinoloxía, neurociencias, plataformas e metodoloxía e inflamación. A produción científica viuse notablemente incrementada, con 839 artigos publicados en preto de 500 revistas de prestixio internacional e a defensa de 64 tese ao amparo do IDIS.

A transferencia á sociedade a través da industria tivo tamén un resultado positivo con 44 patentes solicitadas e 7 xa concedidas; e 5 empresas spin- off creadas no seo do Instituto.

Retos 2025

O IDIS márcase un novo horizonte competitivo para o 2025, pensando xa na seguinte reacreditación. Durante este tempo, segundo o seu director José Castillo, “poñémono unha serie de obxectivos estratéxicos que pasan, fundamentalmente, por manter o incremento de todos dos nosos indicadores de actividade, estabilizar o talento dos nosos investigadores e do persoal técnico e estar máis preto da sociedade”.

A folla de roteiro ten varias liñas mestras: “os nosos grupos de influencia e o conxunto da sociedade deben percibir a importancia do traballo de investigación e o noso papel de ligazón coa industria e coa medicina asistencial, ese é o camiño da excelencia”, recoñece Castillo. Facer máis efectiva a integración da área sanitaria de Lugo, con máis infraestruturas e colaboracións con centros de referencia e incrementar espazos para favorecer o desenvolvemento de proxectos, son outros dos retos que tamén se marca o IDIS.

Cooperación institucional

Reactívase ademais o acordo entre a Consellería de Sanidade-Sergas e a USC para regular o funcionamento do IDIS en réxime de colaboración, reforzando os vínculos entre ambos os organismos

Na reunión de onte tamén se abriu paso ao acordo que regulará a dependencia funcional do IDIS, a partes iguais, da Consellería de Sanidade-Sergas e a USC. Este vínculo pon de manifesto as sinerxias entre ambas as entidades e a aposta conxunta pola investigación sanitaria e o liderado de institutos como o IDIS que contribúen a crear marca Galicia e a proxectala a gran escala.

Más noticias