INNOVACIÓN

fomentando a innovación e o descubrimento biomédico

Alianzas estratéxicas

Rede Nacional de Biobancos

A Rede Nacional de Biobancos (RNBB) é unha iniciativa do Instituto de Salud Carlos III que dota de valor engadido ao conxunto de biobancos españois, co obxectivo de proporcionar soporte de alto nivel científico, técnico e tecnolóxico aos proxectos de I+D+i en ciencias e tecnoloxías da saúde, así como fomentar a innovación en tecnoloxías sanitarias, mediante o subministro de mostras biolóxicas humanas e datos asociados de excelente calidade.

A RNBB está formada por 39 institucións de toda España, entre as que se atopa o IDIS.

Plataforma de Innovación en Tecnoloxías Sanitarias (ITEMAS)

A Plataforma de Innovación en Tecnoloxías Médicas e Sanitarias (ITEMAS) é unha estrutura de apoio á innovación sanitaria promovida polo Instituto de Salud Carlos III (ISCIII). O seu obxectivo é impulsar a cultura de innovación e facilitar a detección, xestión e posta en valor do coñecemento científico e asistencial no ámbito da innovación en tecnoloxías médicas e sanitarias.

A principal ferramenta de ITEMAS é a creación de Unidades de Apoio á Innovación (UAI) en institutos de investigación biomédica, entre os que se atopa o IDIS.

Spanish Clinical Research Network (SCReN)

SCReN (Spanish Clinical Research Network) é unha estrutura de apoio á investigación clínica e, en particular aos ensaios multicéntricos, composta por 31 unidades de investigación (UICECs) distribuídas por centros hospitalarios de todo o SNS, que presta servizos no apoio metodolóxico, farmacovixilancia, estatística e xestión de datos así como na xestión global de proxectos, monitorización e xestión administrativa.

Rede de Investigación Cooperativa de Enfermidades Vasculares Cerebrais (INVICTUS)

A Rede de Investigación Cooperativa de Enfermidades Vasculares Cerebrais (INVICTUS) está integrada por 11 grupos de diferentes comunidades, inclúe centros de hospitais, universidades e institutos de investigación.

Rede de Investigación Cardiovascular (RIC)

A Rede de Investigación Cardiovascular (RIC) é a unión de máis de 800 investigadores de tódalas rexións de España. Organizados en 64 grupos de investigación, desenvolven a súa actividade científica e formativa en base a 7 programas de investigación. O obxectivo final é reducir o impacto das enfermidades cardiovasculares sobre a supervivencia e calidade de vida dos cidadáns españois, promovendo a investigación e a traslación dos seus resultados á práctica clínica diaria. A actual RIC é resultado da unión das tres redes de investigación (RECAVA, REDINSCOR e HERACLES) que pertencentes ó Instituto de Salud Carlos III, teñen unha experiencia de investigación en rede de máis de 10 anos.

OFTARED – RETICS

O principal obxectivo da RED é a acción estratéxica en política de saúde ocular desde unha perspectiva científica, técnica e social. A rede de oftalmolóxica está composta por 19 grupos de investigación e 7 grupos clínicos asociados.

A RED ten como obxectivo a xeración do coñecemento necesario para preservar a saúde e promover o benestar mediante unha adecuada prevención, diagnóstico precoz e tratamento das enfermidades oculares de maior incidencia na nosa poboación.

Rede de Investigación en Actividades Preventivas e Promoción da Saúde (RedIAPP)

A redIAPP é unha rede formada por diversos grupos de investigación coa misión de xerar coñecementos válidos para a Atención Primaria, especialmente sobre a eficacia, efectividade e eficiencia de intervencións innovadoras en prevención e promoción da saúde, así como transmitir a información necesaria para que a poboación, a comunidade científica e os xestores de servizos integren a prevención e apliquen os resultados obtidos á práctica clínica de rutina e á organización de servizos.

Rede de Investigación en Inflamación e Enfermidades Reumáticas (RIER)

A Rede de Investigación en Inflamación e Enfermidades Reumáticas (RIER) está composta por 15 grupos de investigación localizados en hospitais do Sistema Nacional de Salud, universidades e centros do Consello Superior de Investigacións Científicas.

A misión da RIER é contribuír e desenvolver actividades de investigación de excelencia co fin de contribuír ó coñecemento das causas, tratamento e prevención das enfermidades musculoesqueléticas e as denominadas enfermidades do tecido conxuntivo.

Rede de Investigación Renal (REDinREN)

A Rede de Investigación Renal (REDINREN) é unha Rede Temática de Investigación Cooperativa (RETIC) financiada polo Instituto Carlos III de Investigación Sanitaria pertencente ó Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, que pretende acortalas distancias entre investigación, asistencia clínica e cidadáns e referente no ámbito da nefroloxía. A REDINREN representa a cooperación dos grupos de investigación básica, traslacional e clínica máis destacados de España comprometidos coa saúde dos pacientes con enfermidade renal.

Rede de Terapia Celular (Tercel)

A Rede de Terapia Celular (TerCel) é un proxecto colaborativo que comezou a súa actividade ó amparo da primeira convocatoria RETICs do Instituto de Salud Carlos III en 2003 co fin de promover a investigación en terapia celular e trasladar os avances científicos neste campo aos pacientes do Sistema Nacional de Saúde.
A Rede TerCel está formada por 32 grupos de toda España que inclúen 382 investigadores básicos, clínicos e profesionais médicos traballando de forma conxunta, baixo un enfoque multidisciplinar e de cooperación.

Centro de Investigación en Rede en Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV)

O propósito do Centro de Investigación en Rede en Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV) é contribuír a reducir o impacto das enfermidades cardiovasculares no noso medio e xerar prosperidade, liderando a investigación, a innovación e a formación nesta disciplina dentro do marco nacional e internacional.

O Centro de Investigación en Rede en Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV) aglutina a máis de 480 científicos pertencentes a 40 grupos de investigación de excelencia distribuídos na práctica totalidade do territorio nacional, cunha presenza moi forte do Sistema Nacional de Saúde, á que se engaden os principais Institutos de Investigación Sanitaria, Universidades e Centros de Investigación.

Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras (CIBERER)

O Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras (CIBERER) traballa co obxectivo fundamental de investigar para atopar respostas e solucións que permitan mellorar a calidade de vida dos afectados por estas patoloxías.

O CIBERER é unha estrutura cooperativa en rede, con 62 grupos de investigación localizados nos principais centros de investigación de toda España.

Centro de Investigación Biomédica en Rede de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP)

O Centro de Investigación Biomédica en Rede de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP) é un centro de excelencia en investigación epidemiolóxica no que colaboran profesionais do ámbito académico, das administracións públicas e de centros de investigación co obxecto de proporcionar información actualizada sobre a situación da saúde no noso contexto, os principais determinantes biolóxicos, ambientais e sociais implicados nas enfermidades máis frecuentes e o estudo das desigualdades. A súa misión é xerar coñecemento relevante para a toma de decisións, con vistas á prevención, tanto da enfermidade como das súas secuelas.

Centro de Investigación Biomédica en Rede sobre Enfermidades Neurodexenerativas (CIBERNED)

A misión primordial de CIBERNED é o fomento da investigación científica e técnica de excelencia no ámbito da saúde, co obxectivo xeral de producir resultados rapidamente aplicables á práctica clínica mellorando a saúde e o benestar dos pacientes con enfermidades neurodexenerativas, así como o das súas familias e coidadores, aportando a súa vez beneficios económicos e sociais.

Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN)

A misión do CIBEROBN é axudar no avance do entendemento dos mecanismos que contribúen ao desenvolvemento da obesidade para reducir a súa incidencia, así como as súas complicacións, ademais das enfermidades relacionadas coa nutrición. A través do seu liderado na investigación biomédica traslacional, integra a investigación básica, clínica, epidemiolóxica e de saúde pública, así como a asistencia médica e a educación no ámbito público da obesidade e a nutrición, converténdose por todo iso nun centro de investigación de referencia cun potencial competitivo de internacionalización e para prover servizos de asesoría en I+D+i a compañías tanto farmacéuticas como da alimentación, así como ás autoridades sanitarias do país.

O CIBEROBN é unha estrutura cooperativa en rede, formada por 31 grupos localizados en algúns dos principais centros de investigación de España.

Centro de Investigación Biomédica en Rede do Cancro (CIBERONC)

O obxectivo principal do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Cancro (CIBERONC) é a promoción da excelencia na investigación oncolóxica en España, así como a incorporación de novos achados á práctica clínica.

CIBERONC conta con 50 grupos de investigación localizados nos principais centros de toda España. Estes grupos estrutúranse en 6 programas científicos, 5 enfocados nos grandes retos na prevención, diagnóstico e tratamento das tipoloxías neoplásicas máis incidentes. O sexto está centrado en comprender mellor o funcionamento das células malignas para así usaras súas debilidades no desenvolvemento de novas terapias de precisión.

Rede de Entidades Xestoras de Investigación Clínica Hospitalaria e Biosanitaria (REGIC)

REGIC é a primeira asociación de entidades xestoras de investigación clínica creada en España a instancia dos profesionais, co fin de compartir experiencias e crear un espazo de interacción e formación na xestión da I+D+i sanitaria.

No seu conxunto, REGIC representa unha gran parte da investigación clínica de España e conta con representantes de practicamente tódalas comunidades autónomas.

 European infrastructure for translational medicine (EATRIS)

EATRIS é Consorcio de Infraestruturas de Investigación Europeas (EATRIS) sen ánimo de lucro. EATRIS consta de cinco plataformas temáticas coas que pretende contribuír a mellorar a medicina traslacional así como a produtividade e o desenvolvemento de fármacos e ferramentas de diagnóstico. Ademais, EATRIS tamén ofrece ós grupos de investigación unha serie de servizos dirixidos ó incremento do valor dos seus proxectos.

Esta infraestrutura distribuída está composta por máis de 80 institutos líderes.

European Institute for Biomedical Imaging Research (EIBIR)

O Instituto Europeo para a Investigación de Imaxes Biomédicas (EIBIR) dedícase á coordinación de proxectos de investigación e ten como obxectivo apoiar o desenvolvemento de tecnoloxías de imaxe biomédica e a difusión do coñecemento. EIBIR busca mellorar a cooperación dentro da comunidade europea de imaxe biomédica, co obxectivo de mellorar o diagnóstico, o tratamento e a prevención de enfermidades. Apoia activamente actividades de redes de investigación e iniciativas comúns e interoperabilidade no campo da investigación da imaxe biomédica.

Contacta con nós

¿Queres máis información? Non dubides en contactarnos a través do noso formulario
idis-Neg@2x-8
logo-fundacion-xenomica