O estudo, da USC e do IDIS, pon de manifesto a utilidade das redes centinela para a vixilancia epidemiolóxica destas afeccións, prioritarias en saúde pública
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025. Un novo estudo realizado polo equipo de investigadoras da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), adscritas ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), pon de manifesto a utilidade das redes centinela como unha alternativa para a vixilancia epidemiolóxica do sobrepeso e a obesidade, que son unha prioridade en saúde pública
Na investigación, publicada na recoñecida revista Obesity Reviews (https://doi.org/10.1111/obr.70045), as autoras analizaron a literatura científica para identificar redes centinela orientadas como sistemas de detección para monitorizar o sobrepeso e a obesidade.
Entre os resultados máis relevantes, salientan a identificación de 10 redes centinela que abordan esta problemática distribuídas en Europa, América Central, Norteamérica e Oceanía e que “a maioría operan a través de atención primaria, utilizando como informantes o seu persoal médico ou os seus rexistros electrónicos, como a historia clínica electrónica”, explican. Tamén é de destacar unha rede destinada á poboación infantil, que recompila información utilizando centros educativos como sitios centinela.
Para as autoras, estes sistemas centinela “permitirían unha monitorización eficiente que pode mellorar a identificación de tendencias, facilitar intervencións temperás e orientar as políticas públicas”. A inmediatez, característica distintiva destas redes, pode resultar especialmente vantaxosa no contexto do sobrepeso e a obesidade, xa que ofrece a posibilidade dunha resposta rápida na identificación e o tratamento destas afección. Os resultados do estudo son, deste xeito, especialmente relevantes para o posterior deseño dunha rede centinela a nivel local que aborde un importante problema de saúde pública, o sobrepeso e a obesidade.
A investigación foi liderada pola doutoranda Guadalupe García e as profesoras Cristina Candal-Pedreira e Mónica Pérez-Ríos, coa colaboración de Lucía Martín-Gisbert, Ana Teijeiro, Julia Rey-Brandariz, Beatriz Casal-Acción e Leonor Varela-Lema, todas elas con implicación na USC e no IDIS. As autoras pertencen á Cátedra de Estilos de Vida Saudable dirixida por Mónica Pérez Ríos e Julia Rey, en colaboración coa Consellaría de Sanidade.



