Propoñen unha alternativa para a vixilancia do sobrepeso e a obesidade

2 Decembro 2025

O estudo, da USC e do IDIS, pon de manifesto a utilidade das redes centinela para a vixilancia epidemiolóxica destas afeccións, prioritarias en saúde pública

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025. Un novo estudo realizado polo equipo de investigadoras da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), adscritas ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), pon de manifesto a utilidade das redes centinela como unha alternativa para a vixilancia epidemiolóxica do sobrepeso e a obesidade, que son unha prioridade en saúde pública

Na investigación, publicada na recoñecida revista Obesity Reviews (https://doi.org/10.1111/obr.70045), as autoras analizaron a literatura científica para identificar redes centinela orientadas como sistemas de detección para monitorizar o sobrepeso e a obesidade.

Entre os resultados máis relevantes, salientan a identificación de 10 redes centinela que abordan esta problemática distribuídas en Europa, América Central, Norteamérica e Oceanía e que “a maioría operan a través de atención primaria, utilizando como informantes o seu persoal médico ou os seus rexistros electrónicos, como a historia clínica electrónica”, explican. Tamén é de destacar unha rede destinada á poboación infantil, que recompila información utilizando centros educativos como sitios centinela.

Para as autoras, estes sistemas centinela “permitirían unha monitorización eficiente que pode mellorar a identificación de tendencias, facilitar intervencións temperás e orientar as políticas públicas”. A inmediatez, característica distintiva destas redes, pode resultar especialmente vantaxosa no contexto do sobrepeso e a obesidade, xa que ofrece a posibilidade dunha resposta rápida na identificación e o tratamento destas afección. Os resultados do estudo son, deste xeito, especialmente relevantes para o posterior deseño dunha rede centinela a nivel local que aborde un importante problema de saúde pública, o sobrepeso e a obesidade.

A investigación foi liderada pola doutoranda Guadalupe García e as profesoras Cristina Candal-Pedreira e Mónica Pérez-Ríos, coa colaboración de Lucía Martín-Gisbert, Ana Teijeiro, Julia Rey-Brandariz, Beatriz Casal-Acción e Leonor Varela-Lema, todas elas con implicación na USC e no IDIS. As autoras pertencen á Cátedra de Estilos de Vida Saudable dirixida por Mónica Pérez Ríos e Julia Rey, en colaboración coa Consellaría de Sanidade.

Más noticias

O grupo Xenética Psiquiátrica do IDIS descobre patróns xenéticos compartidos e diferenciais entre trastornos mentais mediante unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría

O grupo Xenética Psiquiátrica do IDIS descobre patróns xenéticos compartidos e diferenciais entre trastornos mentais mediante unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría

Este método, guiado polos datos, poderá axudar a mellorar a identificación en etapas iniciais dunha forma máis obxectiva e a comprender a presenza de distintos trastornos nunha mesma persoa

O principal beneficio potencial para clínicos e pacientes é avanzar cara a unha psiquiatría máis personalizada, na que as decisións diagnósticas e terapéuticas poidan adaptarse mellor ás características de cada persoa

ler máis
A investigadora Sonia Eiras recibe o VII Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía polo seu traballo sobre graxa epicárdica inflamada e anuncia a creación dun grupo multidisciplinar para acelerar a investigación

A investigadora Sonia Eiras recibe o VII Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía polo seu traballo sobre graxa epicárdica inflamada e anuncia a creación dun grupo multidisciplinar para acelerar a investigación

O traballo premiado afonda no coñecemento dos factores que favorecen a acumulación de graxa epicárdica inflamada para desenvolver métodos diagnósticos sinxelos e accesibles que permitan identificala precozmente e deseñar novas estratexias de prevención e tratamento
Acompañaron a premiada o presidente do Parlamento de Galicia e a alcaldesa de Santiago, ademais do presidente da Fundación Pública Galega IDIS, Ángel Facio e a directora científica do IDIS, M.ª Luz Couce

ler máis