O IDIS promove unha campaña para dar visibilidade aos ensaios clínicos da contorna hospitalaria

10 Novembro 2026

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e Novartis organizaron unha xornada no CHUS que serviu para presentar a campaña “Ensaiar, transformar e brillar”

Isabel Lista, directora da Fundación Pública Galega IDIS, explicou que o material informativo da campaña estará dispoñible en diferentes espazos do CHUS para achegar os ensaios clínicos aos pacientes

Luz Couce, directora científica do IDIS, lembrou que o centro é “un referente en investigación biomédica que impulsa numerosos estudos que melloran a saúde da poboación a través da innovación científica”

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026.– O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) celebrou este martes 10 de novembro a xornada “Ensaios Clínicos no IDIS”. O encontro, organizado polo IDIS e Novartis España no Salón de Actos do Hospital Clínico Universitario de Santiago, tiña como obxectivo principal a promoción e visibilización dos ensaios clínicos que se desenvolven na contorna hospitalaria e contou coa presenza de diversas asociacións de pacientes, como AUSOCHUS, Asociación Galega de Lupus (AGAL), Asociación de Saúde Mental A Creba ou AutismoGalicia.

A xornada enmárcase na campaña “Ensaiar, transformar e brillar”, impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) do IDIS, co obxectivo de achegar a investigación clínica á cidadanía, dar a coñecer a importancia dos ensaios clínicos e pór en valor a súa contribución ao avance do medicamento e ao desenvolvemento de novos tratamentos.

“A partir de hoxe pomos a disposición dos pacientes, en diferentes espazos deste hospital, material informativo sobre os ensaios clínicos”, anunciou a directora da Fundación Pública Galega IDIS, Isabel Lista, na apertura da xornada. “Ás veces pensamos que a investigación ocorre nos laboratorios, lonxe da actividade diaria dun hospital. Pero está moito máis preto dos que imaxinamos: nas nosas consultas, nos nosos servizos hospitalarios e nos profesionais que buscan novas solucións. A investigación non é algo separado da asistencia sanitaria, é unha parte fundamental dela”, asegurou Isabel Lista.

O xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio, cualificou o IDIS como “a xoia da coroa do sistema sanitario público en España. Somos unha cidade non demasiado grande, e a realidade é que, desde aquí, estamos a competir nas grandes ligas da investigación”. E nese éxito, recalcou, teñen moito que ver os pacientes: “Para nós o maior estímulo é que os pacientes nos sigan demandando que fagamos cada día mellor as cousas e, desde logo, os ensaios clínicos son unha ferramenta básica para crear opcións terapéuticas que permitan avanzar en solucións a problemas moi importantes das persoas”.

Neonatoloxía, oncoloxía e vacinas

A continuación, os investigadores M.ª Luz Couce, Rafael López e Federico Martinón explicaron que é un ensaio clínico e o papel do IDIS neste ámbito. Luz Couce explicou as fases dun ensaio clínico e a súa importancia “para atopar novos tratamentos, pero tamén no ámbito da prevención, o diagnóstico precoz e a calidade de vida”. En 2025 autorizáronse 962 ensaios en España, o 25 % en fase I e II, e autorizáronse 1.354 medicamentos. España representa o 41 % dos ensaios rexistrados. “Somos o primeiro país de Europa”, asegurou Luz Couce antes de achegar datos do IDIS e do CHUS, que están á cabeza dese liderado en canto a investigación con 2.539 estudos clínicos activos. No seu ámbito, a xefa do servizo de Neonatoloxía do CHUS presentou algúns deses ensaios que levaron a cabo e nos que participan non só pacientes da área sanitaria senón de todo o estado e mesmo internacionais.

O Dr. Rafael López, xefe de Oncoloxía Médica do CHUS e coordinador da área de Oncoloxía do IDIS, agradeceu ás asociacións de pacientes a súa participación nesta xornada e destacou o avance que viviu a oncoloxía nos últimos anos grazas aos ensaios clínicos. “Se non facemos ‘tolemias’ —así entre comiñas— non se xeran ideas, empresas ou patentes que, ao final, logran o avance da medicina”, sinalou. López explicou algúns dos estudos nos que está a traballar agora o seu grupo de investigación e a dificultade que entrañan. “Desenvolver un fármaco leva unha media de 14 anos e unha cantidade inxente de millóns, 2.000 millóns de euros. E de cada 100 fármacos en fase I chegan á clínica tres, o que mostra o difícil deste camiño para atopar novas formas de tratar enfermidades, mellorar terapias xa existentes ou comprender mellor como actúan os medicamentos no organismo”.

Pola súa banda, o Dr. Federico Martinón, xefe de Pediatría do CHUS e coordinador da área de Infectoloxía, Inflamación e Vacinas do IDIS, pediu que haxa “máis ensaios clínicos e máis accesibilidade a eles”. Puxo como exemplo o caso da área sanitaria de Santiago que agrupa a práctica totalidade dos ensaios clínicos pediátricos de Galicia “non porque non se poidan facer noutro sitio, pero a realidade é que se fan aquí, e hai que facilitar que estes ensaios cheguen a todos os pacientes”, de aí a posta en marcha de varias redes destinadas a levar “coñecemento e terapias” fóra das nosas fronteiras xeográficas.

Tamén destacou a consecución de “ensaios pragmáticos” que non só garanten que un estudo é seguro, senón que é efectivo na vida real con miles de persoas. “Para facer isto, que é sinxelo conceptualmente, hai que conxugar moitos condicionantes e ter apoio de moitas entidades e institucións. Lográmolo en Galicia co calendario vacinal, que é o mellor do mundo grazas a moitos factores, pero, sobre todo, a que somos os primeiros en acceder a formación e ao desenvolvemento de produtos. Isto permitiunos non só ser os mellores senón os primeiros, como ocorreu coa vacina do virus sincitial para lactantes que foi noticia en todo o mundo. E probablemente todo isto ten relación con outro dato: temos a mortalidade infantil máis baixa do mundo”. E pese ao mérito e relevancia que ten para a área sanitaria e para Galicia, o Dr. Martinón quixo destacar que este traballo “ten transcendencia máis aló da nosa comunidade, cambia sistemas sanitarios e cambia a saúde da poboación global”.

A voz do paciente

Unha das ideas máis repetida ao longo da xornada é o importante papel que ten o paciente en todo este proceso: “Sen a súa implicación non sería posible avanzar na procura de novos tratamentos”, asegurou Luz Couce. Por iso a xornada contou tamén coa “voz do paciente”, que chegou da man de Estefanía García Mirada, presidenta da Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do CHUS (AUSO). Estefanía compartiu o testemuño de persoas asociadas que participan actualmente en ensaios clínicos e o seu propio como paciente oncolóxica e filla dunha paciente falecida. “A miña nai morreu dun cancro especialmente agresivo. Nós esperamos unha alternativa que non chegou para ela, pero actualmente xa hai novas alternativas para o glioblastoma e iso non cambia nada para a miña nai, pero si para pacientes que hoxe se enfrontan a esa mesma situación”.

“En AUSO escoitamos a persoas que atravesan momentos diferentes, porque o cancro non só se vive no hospital, vívese na casa, no traballo etc. A nosa experiencia achega unha perspectiva que debe estar presente na investigación, porque sabemos como afectan os tratamentos á vida diaria. É moi importante que se teña en conta os pacientes, achegando a investigación a eles e levando a nosa voz á investigación e á medicina”, explicou a presidenta de AUSO.

Unha campaña para achegar a investigación á sociedade

A campaña “Ensaiar, transformar e brillar” conta co seu propio sitio web, www.ensaiosclinicos.idisantiago.es, onde se explica de forma divulgativa e sinxela que son os ensaios clínicos, quen pode acceder a eles e as fases dun ensaio. A web inclúe tamén un apartado de preguntas frecuentes sobre seguridade, voluntariedade, compensacións e protección de datos onde, entre outros puntos, aclárase que a participación é sempre voluntaria e que calquera persoa pode retirarse en calquera momento sen que iso afecte á súa atención médica.

Ademais de sinalar o papel fundamental que ten o paciente neste proceso, detállanse os profesionais e entidades que forman parte dos equipos que interveñen: desde a investigación á medicina e á enfermaría pasando por farmacéuticas, spin-off etc.). O peche da xornada puxérono Noelia Freire e Javier Martínez, de Ingenyus, axencia de mercadotecnia, comunicación e consultoría especializada no ámbito da I+D+i, a ciencia e a tecnoloxía, que explicaron como afrontaron o desenvolvemento dos materiais que integran esta campaña destinada non só a dar visibilidade aos ensaios clínicos senón a que os propios pacientes comprendan o seu papel neste proceso e a importancia que poden ter para eles e para toda a sociedade.

Más noticias

O IDIS acolle a presentación do congreso “Melloras para vivir 100 anos” e o balance do proxecto New Heart iniciado hai dous anos

O IDIS acolle a presentación do congreso “Melloras para vivir 100 anos” e o balance do proxecto New Heart iniciado hai dous anos

O proxecto europeo de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para mellorar a saúde cardiovascular de maneira integral nesta Eurorrexión fai balance e marca os retos futuros centrados en prevención, diagnóstico precoz e incorporación de novas tecnoloxías, como a IA, á práctica clínica

O 19 de novembro a Cidade da Cultura de Galicia acollerá un congreso sobre o envellecemento saudable e a transición da cardioloxía tradicional cara a un modelo preventivo e intelixente combinando visión clínica, innovación tecnolóxica e retos de saúde pública

ler máis
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.