O proxecto europeo de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para mellorar a saúde cardiovascular de maneira integral nesta Eurorrexión fai balance e marca os retos futuros centrados en prevención, diagnóstico precoz e incorporación de novas tecnoloxías, como a IA, á práctica clínica
O 19 de novembro a Cidade da Cultura de Galicia acollerá un congreso sobre o envellecemento saudable e a transición da cardioloxía tradicional cara a un modelo preventivo e intelixente combinando visión clínica, innovación tecnolóxica e retos de saúde pública
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026.– As enfermidades cardiovasculares (ECV) son un conxunto de trastornos que afectan o corazón e aos vasos sanguíneos. Estas enfermidades inclúen a hipertensión arterial, a enfermidade coronaria, a insuficiencia cardíaca e o accidente cerebrovascular, entre outras. Segundo un informe do 2025 da Sociedade Europea de Cardioloxía, unha de cada tres mortes na UE foron causadas polas ECV, en liña co número de falecementos en todo o mundo. No caso de Galicia e Norte de Portugal, estas enfermidades foron, en 2023, a primeira causa de defunción en mulleres (un 28 %), mentres que en homes ocuparon a segunda posición tras os tumores, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). As ECV constitúen, por tanto, un grave problema de saúde pública.
Modelo de referencia para outras rexións
New Heart, o primeiro proxecto de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal no ámbito das enfermidades cardiovasculares, xurdiu para reverter esta situación na Eurorrexión enfocando a saúde cardíaca de maneira integral, capaz de transformar a cardioloxía tradicional nun modelo preventivo, personalizado, equitativo e intelixente que harmonice a visión clínica, con especial importancia da Atención Primaria, a innovación tecnolóxica e os actuais retos globais de saúde pública.
Coordinado en Galicia polo Dr. Ramón González Juanatey, coordinador da área de Cardioloxía do IDIS, e por Ricardo Fontes Carvalho en Portugal, este proxecto logrou durante estes dous anos de desenvolvemento, “sentar as bases dun laboratorio para a abordaxe holística da saúde do corazón, que sexa perfectamente extrapolable a outras rexións da UE con características comúns á nosa, como o envellecemento ou a dispersión poboacionais”, explica o doutor González Juanatey.
Estes avances e as principais liñas de traballo da iniciativa déronse a coñecer hoxe durante a súa presentación pública no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, nun acto no que participaron ambos os coordinadores.
A iniciativa está desenvolvida por diferentes socios científicos, clínicos e tecnolóxicos: o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a spin–off Flow Reserve, a plataforma Naevia Medical, a Fundación Dieta Atlántica, a Universidade do Porto, o Centro Hospitalar Universitário de São João e a Unidade Local de Saúde Gaia-Espinho do Serviço Nacional de Saúde.
Protocolos, Big Data e adherencia á dieta atlántica, primeiros avances
A cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal permitiu compartir coñecemento, experiencias clínicas e capacidade investigadora entre dous sistemas sanitarios distintos de disciplinas diversas: cardioloxía, atención primaria, investigación, intelixencia artificial, nutrición e xestión sanitaria. Toda esta información puido clasificarse e articularse, non só para a produción científica, senón tamén para incorporala á práctica clínica unha vez completadas as validacións.
Neste sentido, destaca o traballo do proceso asistencial compartido para a cardiopatía isquémica, unha enfermidade que aparece cando o corazón non recibe a achega sanguínea que necesita. O proxecto contempla protocolos para mellorar a identificación de pacientes de risco, a indicación de probas diagnósticas, as decisións terapéuticas e o seguimento dos pacientes. O seu obxectivo é facilitar unha atención máis homoxénea, coordinada e baseada na evidencia científica.
Unha segunda liña de traballo do New Heart é a innovación tecnolóxica aplicada ao diagnóstico cardiovascular: análise avanzada de imaxes coronarias, modelos de simulación do fluxo sanguíneo e intelixencia artificial. Estas tecnoloxías abren posibilidades de avaliación máis precisa da enfermidade coronaria e de métodos diagnósticos menos invasivos. Tamén se expuxeron ferramentas de apoio á decisión clínica que poden resultar especialmente útiles para os profesionais de atención primaria.
Unha terceira liña é a prevención. New Heart incorpora o estudo dos hábitos de vida e a promoción da dieta atlántica como elementos esenciais para reducir o risco cardiovascular. A innovación non consiste unicamente en desenvolver unha nova tecnoloxía: tamén significa atopar maneiras máis eficaces de promover hábitos saudables e conseguir que a poboación participe activamente no coidado da súa saúde.
Un cuarto ámbito é a gobernanza e o intercambio seguro de datos clínicos. New Heart contempla o desenvolvemento de tres protocolos: un para xestionar os datos e facilitar a investigación clínica mediante indicadores asistenciais; outro para intercambiar información entre os sistemas sanitarios e os provedores de servizos diagnósticos avanzados, cando a análise 3D ou con intelixencia artificial require procesamento externo; e un terceiro para o intercambio transfronteirizo de información entre Galicia e o Norte de Portugal.
Dieta atlántica, alimento de saúde e lonxevidade
O congreso “Melloras para vivir 100 anos”, que terá lugar o próximo 19 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, servirá de encontro para pór en común e facer balance do proxecto até o momento, pero, sobre todo, como punto de partida para unha nova etapa que “permita aterrar á práctica clínica un modelo asistencial cohesionado, integral, accesible para todas as persoas independente do seu lugar de residencia, que sitúe na vangarda da innovación tecnolóxica a abordaxe transfronteiriza da saúde cardiovascular desde unha perspectiva preventiva”, tal e como sinala González Juanatey.
Galicia e o Norte de Portugal son os territorios máis lonxevos de Europa. Pero o verdadeiro reto xa non é unicamente aumentar a esperanza de vida, senón aumentar os anos de vida autonomía e boa saúde. Esta é a idea que motiva a lema do congreso que atopa na dieta atlántica un dos factores que explican esa lonxevidade, non só polo seu alto valor nutricional baseado na chamada “comida real” e alimentos frescos, senón tamén por un estilo de vida saudable.
O congreso outorga un lugar preferente á atención primaria, cuxa función é esencial para un modelo sanitario máis preventivo e eficiente que integre desde o comezo os retos da poboación rural e o futuro dos sistemas sanitarios.




