A investigación en pediatría do IDIS acada 500.000 euros en convocatorias do ISCIII

25 October 2019

Investigadores do Instituto de Investigación de Santiago (IDIS), do grupo GENVIP, coordinado por Federico Martinón-Torres, e do grupo GenPoB, dirixido por Antonio Salas, lograron 3 novos proxectos FIS (do Instituto de Salud Carlos III) na recente convocatoria de 2019, o que sumado a outro proxecto acadado na convocatoria de desenvolvemento tecnolóxico (tamén do Carlos III) supón uns novos recursos por valor de case 500.000 euros.

Estes proxectos súmanse á 7 macro-proxectos europeos activos nestes intres e 20 ensaios clínicos, ademais da colaboración público-privada coa industria farmacéutica, cos que o grupo compite na primeira liña mundial da investigación en enfermidades infecciosas e vacinas, e coa que se financia os 38 postos de traballo do equipo. O Instituto de Saúde Carlos III (Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) concedeu tres proxectos de investigación aos grupos GENVIP (Xenética, Vacinas, Enfermidades Infecciosas e Pediatría), e o grupo GenPoB (Xenética de Poboacións en Biomedicina) na última convocatoria FIS do plan nacional de investigación. Os investigadores principais dos tres proxectos son os líderes dos dous grupos de investigación citados xunto co investigador Alberto Gómez Carballa, investigador senior en GENVIP.

Estes tres proxectos de investigación súmanse a un cuarto relacionado co plan de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico (DTS) dependente do mesmo ministerio, e que foi tamén concedido fai tan só uns meses ao Dr. Salas como investigador principal. Segundo refire Federico Martinón “trátase dun esforzo colaborativo entre grupos do IDIS que está a dar moi bos resultados no terreo da produción científica e a consecución de recursos para investigación; un exemplo de colaboración tremendamente frutífero”. Os catro proxectos relaciónanse con liñas de investigación vinculadas coa infectoloxía pediátrica e un tipo de alerxia alimentaria coñecido como a síndrome de enterocolite por proteínas alimentarias (Bio- FPIES). A síndrome de enterocolite por proteínas alimentarias (FPIES) é un tipo de alerxia alimentaria potencialmente moi grave que afecta a 1 de cada 15 nenos. Un dos problemas asociados a esta patoloxía é que ten unha presentación clínica inespecífica e impredicible, que pode ir desde vómitos profusos e letargia ata producir hipotensión e shock, e cuxo diagnóstico é difícil e por exclusión.

O proxecto Bio-FPIES busca desenvolver unha proba diagnóstica e prognóstica para FPIES empregando unha abordaxe nova e única que podería revolucionar o diagnóstico e tratamento desta enfermidade alérxica. Isto tería como principal obxectivo minimizar o risco aos que están sometidos estes pacientes permitindo non só un recoñecemento temperán da enfermidade, senón tamén axudando a evitar episodios recorrentes. Segundo o investigador Gómez Carballa, “este proxecto permitiranos non só diagnosticar e entender mellor como funciona esta patoloxía a nivel molecular, senón que tamén melloraría de forma considerable a calidade de vida dos pacientes e as súas familias, ademais de reducir o gasto de recursos materiais e humanos asociados ao método diagnóstico actual.” Para este proxecto creouse especificamente unha rede clínica para o recrutamento de pacientes e mostras que inclúe 10 hospitais nacionais e 3 internacionais. Esta rede está coordinada polo grupo de investigación GENVIP desde o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela en colaboración con investigadores do Imperial College de Londres.

O proxecto ReSVi-omics, coordinado polo dr. Salas está relacionado co virus respiratorio sincitial (VRS), causante da infección respiratoria máis frecuente en nenos e que provoca unha morte infantil cada cinco minutos en todo o mundo. Actualmente o VRS supón unha prioridade de investigación en saúde pública a nivel mundial. Máis do 70% dos nenos menores de 2 anos que requiren hospitalización por enfermidade grave por VSR son nenos que aparentemente non teñen afeccións médicas subxacentes ou factores de risco, polo que se descoñece a causa das diferenzas no curso da enfermidade nos pacientes. Segundo Salas, “entender a interacción virus-hóspede será crucial para o desenvolvemento de vacinas e novas terapias antivirais personalizadas que permitan o desenvolvemento de medicamentos novos para a súa aplicación terapéutica na infección polo VRS, xa que, hoxe en día, ningún tratamento ou vacina demostrou ser útil”. ReSVi- omics expón un enfoque novo ao estudo da infección por VRS que implica o estudo da enfermidade desde as diferentes perspectivas da xenómica en mostras non invasivas, así como o uso de diferentes ferramentas bioinformáticas para construír modelos que axuden a predicir as interaccións complexas do sistema patóxeno-hóspede. Salas comenta que “isto conducirá ao desenvolvemento de ferramentas que permitan non só diagnosticar, senón tamén predicir o prognóstico e a evolución dun paciente infectado por VRS. Este enfoque servirá para abrir novas liñas para o tratamento personalizado da enfermidade, o recoñecemento temperán ou a prevención e o tratamento selectivos dos nenos infectados”. Neste proxecto están involucrados 26 hospitais nacionais e 15 centros de atención primaria.

Finalmente, o proxecto ENTEROGEN, liderado polo dr. Martinón, estuda as infeccións por enterovirus (EV), a causa principal da meninxite “supostamente benigna”, frecuentes en todo o mundo e que afectan a individuos de diferentes rangos de idade, pero xeralmente os nenos se ven afectados con maior frecuencia. Os enterovirus representan a causa de case o 50% de tódalas hospitalizacións de nenos con febre sen foco, podendo chegar a ser mortal, principalmente en recentemente nados, nenos pequenos e pacientes inmunocomprometidos. Martinón indica que “as infeccións por EV aumentaron nos últimos anos, provocando brotes en todo o mundo debido a variantes emerxentes do virus, como EV71 ou EV68, que causaron un aumento no número de secuelas neurolóxicas graves nos pacientes. En España, produciuse un brote importante en 2016 con máis de 200 casos confirmados de encefalitis, algúns deles moi graves producidos pola cepa EV71.” Os síntomas da enfermidade poden ir desde unha afectación leve, como unha síndrome febril simple, arrefriado ou erupción cutánea, ata outros máis graves, como meninxite, encefalite, afectación neurolóxica, miocardite ou sepsis neonatal. En case o 50% dos casos, o EV maniféstase como febre sen foco e / ou como unha síndrome similar á sepse nos nenos pequenos, o que conduce en ocasións ao uso innecesario de antibióticos contribuíndo á aparición de multi-resistencias. Martinón manifesta que “cremos que a variabilidade na susceptibilidade e as respostas á infección por EV entre individuos non é aleatoria, senón que responde a factores xenéticos, e tanto o xenoma do hóspede como o patóxeno contribúen ao resultado da interacción. O estudo de posibles factores xenéticos nos nenos infectados é crucial para previr os brotes e tratar aos pacientes, especialmente no que respecta a enfermidades neurolóxicas en nenos pequenos”. ENTEROGEN utilizará tecnoloxías innovadoras para abordar un problema de crecente importancia no campo das enfermidades infecciosas pediátricas, e os resultados axudarán a identificar novos biomarcadores de susceptibilidade e prognóstico ademais de mellor diagnóstico da enfermidade.

Sobre GENVIP

O grupo de investigación traslacional de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría (GENVIP) nace no ano 2008 co reto de avanzar no coñecemento das causas e bases xenéticas das infeccións pediátricas, facilitando o desenvolvemento de novas abordaxes diagnósticas e terapéuticas, vacinas e estratexias personalizadas de prevención. Intégrase na sección de Pediatría Clínica, Infectolóxica e Traslacional do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Á cabeza de GENVIP atópanse o dr. Federico Martinón Torres, pediatra con gran experiencia clínica e científica no campo das enfermidades infecciosas e Xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que xunto co dr. Antonio Salas Ellacuriaga, profesor da Facultade de Medicina e xenetista de recoñecido prestixio internacional, achegan ao grupo un factor impacto acumulado superior a 2000 ( JCR 2017). GENVIP conta con equipo novo e multidisciplinar integrado por pediatras, xenetistas, inmunólogos, bionformáticos, matemáticos, farmacéuticos, e enfermeiras de investigación, entre outros.

GENVIP, é un grupo de investigación centrado fundamentalmente en enfermidades infecciosas e vacinas, que tenta desde unha perspectiva traslacional unha aproximación nova, integral e transversal, denominada “wholeomics”, é dicir, aplicación de todas as “ómicas” de forma integrada na abordaxe do problema clínico.

GENVIP dispón dunha unidade de ensaios clínicos pediátricos profesionalizada e competitiva a nivel internacional, que centraliza unha importante proporción dos ensaios de vacinas pediátricos de fase 1 a 3 en España e Europa. Coordina ademais a rede española de ensaios clínicos pediátricos (RECLIP). Ademais, colabora con diferentes promotores no deseño de programas de desenvolvemento clínico de distintos candidatos vacinais e antiinfecciosos. Esta unidade participa ademais en diferentes proxectos independentes europeos.

GENVIP estableceu e lidera diversas redes e consorcios clínicos nacionais e internacionais de investigación fundamentalmente de pacientes pediátricos con patoloxía infecciosa e ensaios clínicos, e participa en 7 macro-proxectos de financiamento europeo.

Destacan entre outros EUCLIDS, PREPARE, ESIGEM, GENDRES, RESVINET, POCID, MENDICOS, REGALIP, PERFORM, ZIKACTION, RESCEU  o C4C

Más noticias