14 Abril 2026

Este martes presentouse na Cidade da Cultura de Galicia unha iniciativa estratéxica de cooperación transfronteiriza en saúde financiada pola Unión Europa a través do Programa de Cooperación Trasfronteiriza España- Portugal – POCTEP

O obxectivo é avanzar cara a un modelo sanitario máis eficiente, conectado e centrado no paciente da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal a través da gobernanza colaborativa, a aplicación de tecnoloxías emerxentes e a investigación en oncoloxía e enfermidades cardiovasculares

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026.- Responsables públicos, líderes clínicos, investigadores e axentes do ecosistema de saúde deron a coñecer este martes na Cidade da Cultura de Galicia os obxectivos, liñas de traballo e principais actuacións do proxecto europeo NEW HEALTH, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza liderada pola Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS) e destinada a impulsar a transformación do sistema sanitario na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal a través da innovación, a dixitalización e a colaboración entre institucións sanitarias, académicas e de investigación.

Trátase de promover un modelo sanitario máis eficiente, innovador e centrado no paciente, reforzando a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal en ámbitos clave como a medicina personalizada, a dixitalización da saúde e a integración de datos clínicos, explicaron os doutores José Ramón González Juanatey e Rafael López, líderes do proxecto.

O doutor González Juanatey lidera o grupo de Cardioloxía do IDIS e o doutor López é líder do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional, áreas de especial relevancia en NEW HEALTH, xunto coa aplicación de tecnoloxías emerxentes (como a intelixencia artificial) e o impulso de modelos de gobernanza colaborativa. A directora científica do IDIS, M.ª Luz Couce, incidiu neste aspecto ao asegurar que “trátase de áreas cun enorme impacto clínico, social e económico, e de gran importancia dentro do IDIS, onde os avances en prevención, diagnóstico precoz e tratamento poden marcar unha diferenza substancial”.

Couce destacou NEW HEALTH como unha nova forma de entender a sanidade que permite mellorar a continuidade asistencial. “O IDIS demostrou nos últimos anos unha sólida capacidade para liderar proxectos internacionais no marco do programa Interreg”. Lembrou iniciativas como NUTRIAGE, Atlantic KET MED, NeuroATLANTIC ou 2IQBIONEURO, centrada no diagnóstico e tratamento de patoloxías asociadas ao envellecemento. “Esta traxectoria non só avala a nosa experiencia, senón que reflicte unha forma de traballar baseada na colaboración, a excelencia científica e a vocación de trasladar o coñecemento á práctica clínica. Na actualidade, ademais, lideramos e coordinamos tres proxectos activos na convocatoria Interreg POCTEP: New Heart, EUTERPE_ADN e o propio NEW HEALTH, que supoñen un financiamento de máis de 10 millóns de euros”.

Para a directora científica do IDIS “a verdadeira innovación en saúde non reside unicamente na tecnoloxía, senón na capacidade de transformar esa tecnoloxía en valor para as persoas”. Trátase de que “cada avance científico se traduza nunha mellor atención, en máis oportunidades de prevención, en tratamentos máis eficaces e en sistemas máis xustos”.

Protección dos máis vulnerables

Neste contexto, NEW HEALTH “promove a creación dunha plataforma transfronteiriza de innovación en saúde que conecte hospitais, centros de investigación e universidades, facilitando o desenvolvemento de solucións avanzadas que melloren a calidade asistencial e o acceso aos servizos sanitarios”, sinalou o doutor González Juanatey, quen puxo o foco do proxecto na protección dos máis vulnerables. “A atención á vulnerabilidade está presente nos plans europeos e tamén neste proxecto, e a transformación dixital pode axudar niso”.

Tamén puxo de relevo o envellecemento como reto e elemento crítico nos plans europeos de saúde, polo que é indispensable que os proxectos de futuro afronten “o maior reto en saúde de España e Portugal”, en referencia ao cancro e á enfermidade cardiovascular. “Podemos desenvolver un proxecto de forma integrada, porque hai moitos elementos comúns neste territorio, na sanidade, pero tamén na cultura e no modo de vida; de aí o interese deste proxecto interrexional que, ademais, é exportable a outros territorios de Europa”. Neste sentido, lembrou que hai diferenzas de máis dunha década na esperanza de vida entre países de Europa, e “tamén dentro do noso territorio hai inequidade e iso é o que hai que afrontar nesta nova medicina”, destacou o doutor González Juanatey.

Rafael López adiantou algunhas das liñas de traballo en “Innovación en oncoloxía e medicina traslacional”, como son xa a biopsia líquida, a protonterapia, a cirurxía robótica, os tratamentos selectivos, as terapias CAR-T, etc. “Os avances en biomedicina son enormes e hai que avanzar por este camiño, que é o que queremos facer con este proxecto. Necesitamos un futuro equitativo, sostible e que teña ao paciente no centro”, sinalou o doutor López.

Na xornada, que contou cun espazo de networking destinado ao intercambio de coñecemento e á xeración de novas sinerxías, participaron tamén o cardiólogo portugués Ricardo Fontes e o profesor da USC Vicente Pérez Muñuzuri.

Apoio institucional

A reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa M. Crujeiras, puxo o foco no seu ámbito: os datos. “Datos tratados dun xeito correcto, que sexan interoperables e que nos permitan obter información viable e veraz, para unha toma de decisións informada no sistema sanitario, para facelo máis eficiente pero tamén a nivel das organizacións e da propia atención clínica”.

Interviron, así mesmo, Xosé Lago García, por parte da Xunta de Galicia; María del Carmen Hernández, subdirectora xeral de Cooperación Territorial Europea do Ministerio de Facenda; Delia Bonsignore, responsable da Cooperación Transfronteiriza da Comisión Europea, e Antonio Fernández-Campa, xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, clausurou a xornada poñendo en valor a importancia deste tipo de iniciativas de cooperación interterritorial que sitúan a nosa comunidade como referente europeo en innovación e contribúen a unha Europa máis cohesionada e preparada para afrontar os retos sanitarios que temos por diante.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.