Ao acto inaugural asistiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a directora da FIDIS, Isabel Lista, entre outras autoridades
A CIMEC prevé reunir na capital galega arredor de 700 estudantes, médicos e profesionais sanitarios de todo o país e expertos de referencia internacional
A sesión do sábado arrancará coa intervención do líder da área de Xenética do IDIS e catedrático da USC, Ángel Carracedo, tamén director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e referente en xenética en todo o mundo.
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025.-A Cidade da Cultura acolleu esta mañá o acto de apertura da primeira edición do Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC) organizado pola Comunidade Médica en Formación e respaldada polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela. Baixo o lema “Formar hoxe ao médico de mañá”, o evento prevé reunir na capital galega a máis de 700 estudantes, médicos e profesionais sanitarios de todo o país, e contará coa participación de ponentes de primeiro nivel procedentes de institucións internacionais de referencia para debater sobre os principais retos da medicina actual.
A mesa inaugural estivo presidida polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que durante o seu discurso realizou unha serie de recomendacións aos futuros sanitarios salientando, entre outras cuestións, que “Galicia é un bo sitio para formarse e traballar”, poñendo en valor o capital humano sanitario que permite consolidar á comunidade galega como un referente no eido da investigación clínica.
Pola súa banda, e como membro do Comité de Honra, a directora da Fundación Pública Galega IDIS, Isabel Lista García, quixo salientar a importancia da investigación na medicina clínica. “Hoxe reunímonos para impulsar xuntos a medicina cara novas fronteiras, porque non se trata unicamente dunha práctica técnica, senón unha disciplina que depende profundamente da investigación e da docencia. Dende o IDIS, traballamos por ser referentes na investigación traslacional, levando os avances científicos directamente á práctica clínica e mellorando a calidade de vida dos doentes”, sinalou a directora. Durante o seu discurso tamén quixo amosar o seu agradecemento e felicitación ao labor realizado polos membros da Comunidade Médica en Formación (CoMeF), e remarcou que este Congreso “é unha oportunidade que debemos aproveitar para inspirarnos a investigar, colaborar e a ser parte activa dos cambios que a medicina require”, en palabras da directora da FIDIS.
Na mesa inaugural tamén participou o encargado do Comité Organizador do Congreso, Carlos Vila; así como o decano da Facultade de Medicina da USC, Javier Carreira Vilamor, que durante a súa intervención agradeceu aos membros da CoMeF a organización dun evento que agarda “sexa fructífero e redunde nun incremento dos coñecementos e da visión que todos teredes na vosa profesión”, apuntou. “Todos estamentos da sociedade deben colaborar e amosar as fortalezas da docencia, porque o obxectivo é ter unha universidade viva, e este Congreso é unha mostra clara diso”, concluiu o decano.
Logo do acto de apertura, as persoas asistentes puideron participar na intervención do bioquímico Mariano Barbacid, un dos maiores expertos en investigación oncolóxica e ex director do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). Ao longo da xornada, tamén se presentaron os relatorios do endocrinólogo líder en terapias hormonais, Manel Puig, e do cardiólogo Josep Brugada, especialista en arritmias e descubridor dunha enfermidade causante da morte súbita cardíaca que hoxe leva o seu nome. Pola tarde tamén intervirán o especialista en Medicina Interna e Hepatoloxía e director de Medicina Interna na Clínica Universidade de Navarra, Jorge Quiroga, e a experta en medicina deportiva e vicepresidenta primeira do Colexio Oficial de Médicos de Valladolid, Raquel Blasco.
Espazo de innovación sanitaria
O evento preséntase como un espazo de encontro entre persoal profesional consolidado e novas xeracións, onde a aprendizaxe práctica e a innovación serán as protagonistas. Entre hoxe e mañá, desenvolveranse dez relatorios maxistrais de especialistas recoñecidos en varias áreas da medicina clínica como Ángel Carracedo, Mariano Barbacid, Manel Puig, Josep Brugada, Jorge Quiroga, Raquel Blasco, Verónica Casado, Miguel Sanmamed, Michel Kahaleh e Magda Campins.
A sesión do sábado comezará coa intervención do investigador líder na área de Xenética do IDIS e catedrático da USC, Ángel Carracedo Álvarez, tamén director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e referencia no eido da xenética en todo o mundo. Os relatorios continuarán da man de Verónica Casado, especialista en Medicina de Familia e primeira española recoñecida como ‘Mellor Médico de Familia do Mundo’; Miguel Sanmamed, investigador emerxente líder do grupo de investigación de inmunoterapia da Universidade de Navarra); Michel Kahaleh, xefe de gastroenteroloxía nun hospital de New Jersey (EEUU); e Magda Campins, que foi presidenta do Comité Científico Asesor da COVID-19 en Cataluña.
Ademais, haberá obradoiros prácticos e hands-on en ámbitos como ecografía clínica, RCP e urxencias, comunicación de malas noticias, manexo de vías aéreas ou simulación clínica, e sesións científicas con comunicacións orais e pósteres, abertas a estudantes e residentes, con premios aos mellores traballos.
Programa completo Congreso Internacional de Medicina Clínica CIMEC 2025: https://www.idisantiago.es/wp-content/uploads/2025/07/cimec_programa_250717.pdf