O proxecto premiado aborda o desenvolvemento de terapias preventivas que reduzan o tecido adiposo disfuncional asociado á patoloxía valvular e coronaria mediante medicina de precisión.
O galardón impulsa a investigación de patoloxías valvulares cardíacas para mellorar o seu tratamento e aumentar a esperanza de vida dos enfermos.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025.- A investigadora Sonia Eiras Penas resultou gañadora do VII Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía dedicado ás enfermidades valvulares cardíacas. O fallo do Xurado confirmou este recoñecemento que inclúe unha dotación económica de 30.000 euros e galardón acreditativo. O premio será entregado en 2026 en Santiago de Compostela polo empresario galego Ramiro Carregal.
Sonia Eiras Penas (Vila de Cruces, 1975) é doutora en Bioloxía e líder do grupo de Cardioloxía Traslacional no IDIS. O seu proxecto “Medicina de precisión en pacientes con graxa epicárdica disfuncional asociada á enfermidade coronaria e ás valvulopatías máis frecuentes no noso medio” pretende identificar a pacientes con patoloxía valvular asociada coa acumulación de tecido adiposo epicárdico disfuncional mediante biomarcadores e mostras de imaxe non invasivas que orienten sobre o risco para padecer estas enfermidades.
Entre os factores que contribúen ao desenvolvemento e progresión destas patoloxías valvulares atópanse a obesidade, a hipertensión, o envellecemento e a diabetes. “Estes factores relaciónanse cunha maior acumulación de tecido adiposo epicárdico disfuncional, unha condición metabólica que, segundo a evidencia, pode favorecer o risco e avance da enfermidade, a resistencia terapéutica, e contribuír así a unha deterioración cardiovascular progresiva”, sinala a investigadora.
O proxecto aborda o desenvolvemento de estratexias terapéuticas preventivas que reduzan o tecido adiposo disfuncional asociado coa patoloxía valvular e/o coronaria. “Este traballo podería axudar á toma de decisións terapéuticas con beneficio cardiovascular; os pacientes afectados poderían beneficiarse de fármacos que mostraron a súa eficacia na modulación inflamatoria”.
Unha traxectoria comprometida coa investigación
Sonia Eiras doutorouse en Bioloxía (2003) pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante o período predoutoral estudou o sinal de transducción do receptor de leptina e a súa relación coa inflamación. Realizou unha estancia posdoutoral na Universidade Libre de Ámsterdam (2004) e na Universidade de Florencia para estudar as modificacións proteicas e contracción cardiomiocitaria de pacientes con fibrilación auricular. No 2006 obtivo un contrato de estabilización de investigadores do Programa Isidro Parga Pondal da Xunta de Galicia para incorporarse na Fundación do Hospital Clínico de Santiago e estudar marcadores do tecido graxo cardíaco, o seu comportamento na patoloxía cardiovascular e regulación farmacolóxica. Publicou como Senior en revistas de alto prestixio internacional na súa área como Cardiovascular Research.
Os Premios Ramiro Carregal
O presidente de Frinsa, Ramiro Carregal Rey, mantén o seu firme compromiso coa investigación ao convocar unha nova edición deste galardón creado no ano 2018, o que supón un paso máis na súa aposta polo mecenado na investigación sanitaria. Esta dedicación maniféstase tamén noutras destacadas contribucións impulsadas polo empresario galego neste campo, como é o Premio Internacional de Investigación Oncolóxica e o Premio a Talentos Emerxentes, que xa alcanzan a 14.ª e 7.ª edición, respectivamente



