A Xunta reforza a I+D+i das catro fundacións de investigación sanitaria de Galicia cunha inxección de preto de 2 M€ para o bienio 2025-26

29 Xullo 2025

Román Rodríguez subliña a importancia deste apoio na área da saúde “onde os resultados científicos se traducen nunha mellora directa no día a día dos cidadáns”

Gómez Caamaño subliña o labor das fundacións públicas de investigación sanitaria na transferencia de coñecemento á práctica clínica

O Goberno galego financia os gastos estruturais destes centros para potenciar as súas liñas estratéxicas de investigación e para promover a súa excelencia

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025. A Xunta de Galicia inxecta preto de 2 M€ para reforzar a I+D+i no eido sanitario en Galicia a través de contratos-programa entre a Axencia Galega de Innovación e catro fundacións de investigación sanitaria galegas para sufragar os seus gastos estruturais durante o bienio 2025-26. O conselleiro de Educación, Ciencia e Universidades, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, veñen de asinar hoxe estes contratos-programa logo de que foran autorizados no Consello da Xunta de onte, nun acto no que tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Román Rodríguez subliñou a importancia deste financiamento público “nunha área tan importante como a da saúde”, onde os resultados científicos se traducen “nunha mellora directa no día a día dos cidadáns”, e que avala tamén o compromiso do Goberno galego neste eido.

Pola súa banda, Antonio Gómez Caamaño incidiu na transferencia de coñecemento á cidadanía: “As fundacións públicas de investigación sanitaria son a viva mostra de que temos medios materiais e humanos, talento e capacidade para ser referentes nacionais e europeos en investigación sanitaria e lograr levar estes proxectos innovadores á práctica, ofrecendo unha atención sanitaria cada vez máis innovadora e eficaz, que é o noso fin último”.

Galicia, no ámbito sanitario, foi pioneira ao integrar no sector público as tres fundacións de investigación biomédica e tamén na creación dunha categoría profesional específica para o persoal investigador sanitario. Con isto, a Xunta promove a integración da investigación na práctica clínica.

Así pois, estes contratos-programa contribúen a potenciar as liñas de investigación destas entidades para avanzar na súa excelencia científica e na posta en valor do coñecemento que xeran. Ademais, favorecen a formación, captación e retención de talento, o fomento da participación e captación de fondos dos programas europeos de I+D+i, e a protección, valorización e transferencia dos resultados de investigación, en liña cos obxectivos marcados no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

Os centros beneficiados

Os centros que se benefician desta axuda son as fundacións de investigación sanitaria Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica (INIBIC) na Coruña, a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur en Vigo, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria, ambas en Santiago de Compostela (FIDIS).

O reparto dos fondos faise atendendo aos resultados obtidos por cada entidade de acordo cunha serie de indicadores de actividade (publicacións indexadas, proxectos de investigación captados, facturación por vendas ou servizos prestados, persoal a cargo de programas públicos de recursos humanos, patentes solicitadas e concedidas, etc.) e contempla un anticipo do 100 % dos fondos previstos para 2025 e do 50 % da axuda para 2026.

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.