Arranca a segunda fase de “COGNISANCE”, un proxecto clave para o estudo do deterioro cognitivo no alzhéimer

9 Outubro 2025

A residencia Domus Vi de Santiago de Compostela é a primeira en continuar co reclutamento de voluntarios para o estudo, seguida do resto de participantes entre as que se atopan Lalín, San Lázaro ou Noia.
O proxecto desenvólvese a través de intelixencia artificial e a técnica SIMOA que é capaz de detectar pequenas cantidades de proteína en sangue facilitando o diagnóstico preciso dos doentes.
O ano pasado superáronse os 150 voluntarios nas residencias galegas.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025.- Impulsado polo IDIS e o IIS Galicia Sur, o proxecto “COGNISANCE” comeza a segunda fase de recollida de mostras nas residencias en Santiago de Compostela. Na investigación participan un total de oito residencias Domus Vi nas que se realiza un seguimento para obter biomarcadores que permitan diagnosticar a persoas en fase presintomática de demencia. O estudo está coordinado polo grupo de Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do IDIS, xunto ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e o Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago (CHUS).

Tras a recollida de mostras desta fase realizada o pasado 18 de setembro, a residencia de Santiago de Compostela convértese na primeira Domus Vi en realizar un seguimento entre os residentes que foron estratificados o ano pasado en distintos grupos: “un grupo de anciáns sen deterioración cognitiva (fase presintomática), un grupo con deterioración cognitiva leve e un grupo con deterioración cognitiva máis severa ou demencia”, sinala o investigador co-líder do grupo ITEN e coordinador do proxecto, Roberto Agís.

Crese que a deterioración cognitiva en pacientes con alzhéimer podería predicirse anos ou décadas antes da aparición dos síntomas clínicos da demencia. “As firmas fisiolóxicas e moleculares que se manifestan a través de cambios nos niveis de biomarcadores dos fluídos corporais, como o sangue e o tecido cerebral, por exemplo, poderían proporcionar pistas suficientes de alteracións cognitivas antes da aparición da deterioración cognitiva asociada ao envellecemento”, apuntan os investigadores do IDIS.

Nos próximos meses, o seguimento de biomarcadores en residentes expandirase a outros centros residenciais da compañía Domus Vi como San Lázaro, Lalín, Noia ou Ribeira. “PAra finais deste ano, estímase que se logrará culminar as visitas a todas as residencias que participan no estudo. Desta forma, a análise de datos lonxitudinal podería ter lugar a comezos do 2026”, sinala Roberto Agís.

Achados na primeira fase

Unha vez analizados os datos de concentracións destes biomarcadores na cohorte grazas á técnica SIMOA, os investigadores atoparon achados relevantes. “Logo de realizar comparacións entre os diferentes grupos de estudo, detectamos unha capacidade de diferenciación entre grupos que se apoia co estado da arte dispoñible nas revistas científicas que abordan o estudo de biomarcadores no diagnóstico precoz do deterioro cognitivo, o cal é sinal de que imos polo bo camiño”, comparte Ángeles Fernández Ceballos, investigadora predoutoral do proxecto “COGNISANCE”.

Con todo isto, xunto ao estudo lonxitudinal que se realizará tras a recollida das segundas extraccións, os investigadores declaran que agardan poder proporcionar unha visión máis optimista dentro do panorama das demencias, mostrando tamén a eficacia do SIMOA como ferramenta de diagnóstico para o tratamento de pacientes con deterioración cognitiva durante a vellez.

Biomarcadores e intelixencia artificial

Os investigadores de “COGNISANCE” traballan en dous subproxectos, un dirixido desde o IDIS por Roberto Agís Balboa, e outro desde o IIS Galicia Sur, por César Veiga. O primeiro está baseado en biomarcadores en sangue para detectar alteracións cognitivas antes de que aparezan os síntomas; mentres que o segundo emprega datos e intelixencia artificial (IA) co fin de mellorar a precisión no diagnóstico e prognóstico destas patoloxías.

Para iso, o equipo investigador traballa con algoritmos de IA “que poderían ser usados para identificar e estratificar a deterioración cognitiva en pacientes para intervencións clínicas personalizadas a cada persoa, segundo as súas condicións particulares” sinala o investigador do IIS Galicia Sur, César Veiga. Ademais, o proxecto contempla a aprendizaxe continua para engadir en tempo real datos e mellorar continuamente a predición deste modelo.

A través da técnica SIMOA™ (Single-Molecule Array) o equipo investigador estuda os posibles biomarcadores relacionados coa deterioración cognitiva en sangue. “O SIMOA permítenos detectar tan só 0,1 pg/mL de proteína en fluídos corporais como o sangue (soro/plasma) permitindo diagnósticos máis temperáns e rápidos, así como avaliar a resposta aos tratamentos e automatizar as determinacións, entre outros aspectos”, indica José María Prieto, xefe do Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela e líder do grupo ITEN.

Esta tecnoloxía atópase dispoñible na Plataforma de Biomarcadores de Fluídos Biolóxicos SIMOA HD-X (https://www.idisantiago.es/plataformas-de-apoyo-comun/plataforma-de-biomarcadores-en-fluidos-biologicos-simoa-hd-x/), de xeito que se atopa ao alcance de todos os grupos de investigación que desexen empregar o servizo para os seus ensaios.

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.