Clinical Chemistry publica un artigo sobre cancro hereditario de mama e/ou ovario no que participan investigadores do IDIS

2 Marzo 2026

O estudo clasifica catro variantes como patoxénicas ou probablemente patoxénicas, o que implica un alto risco de cancro, e recomendacións para vixilancia intensiva, cirurxía preventiva ou terapias dirixidas

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026.– Investigadores do grupo Xenética en Cancro e Enfermidades Raras do IDIS e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica participaron no estudo Splicing Predictions, Splicing Assays, and Variant Classification Using ACMG/AMP Guidelines: Challenges Observed with BRCA1 and BRCA2 Variants publicado por Clinical Chemistry.

No estudo investigáronse 17 variantes xerminais nos xenes BRCA1 e BRCA2 identificadas en familias con sospeita de cancro hereditario de mama e/ou ovario. Avaliouse o impacto desas variantes sobre o splicing, analizando o ARNm dos portadores e/ou mediante ensaios funcionais en minigenes híbridos. “A clasificación clínica das variantes realizouse, seguindo as guías ACMG/AMP específicas para BRCA1 e BRCA2, de acordo coas recomendacións do Panel de Expertos de Variantes BRCA1 e BRCA2 de ClinGen ENIGMA e do Subgrupo de Interpretación de Variantes de Secuencia de ClinGen”, explica Olivia Fuentes Ríos, primeira autora do artigo xunto a Marta Santamariña.

As mutacións en BRCA1 e BRCA2 son responsables de até o 25 % dos tumores de mama e ovario hereditario, pero non todas as variantes xenéticas que alteran o splicing (un proceso celular que “edita” o ARN para producir proteínas funcionais) son variantes patoxénicas. Moitas quedan clasificadas como “de significado incerto”, o que complica as decisións médicas sobre prevención e tratamento.

Achados crave

O artigo clasifica catro variantes como patoxénicas ou probablemente patoxénicas, o que implicaría un alto risco de cancro e recomendacións de vixilancia intensiva, cirurxía preventiva ou terapias dirixidas. Dez variantes consideráronse benignas ou probablemente benignas, mentres que tres permanecen clasificadas como de significado incerto. Estas clasificacións son importantes porque se utilizan nos diagnósticos xenéticos e axudan os profesionais sanitarios a tomar decisións sobre a atención e o manexo dos pacientes. “Ademais de refinar a clasificación clínica das variantes sinaladas, este estudo destaca a importancia de combinar evidencia experimental e predicións computacionais para mellorar a interpretación xenética e a avaliación do risco de cancro hereditario”, sinala Ana Vega, coautora senior do artigo e líder do grupo Xenética en Cancro e Enfermidades Raras do IDIS.

Artigo completo dispoñible en: https://academic.oup.com/clinchem/article/72/2/266/8416539

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.