Investigadores do IDIS desenvolven unha terapia innovadora para tratar o ictus isquémico, primeira causa de morbimortalidade na nosa contorna

27 Febreiro 2025

A nova estratexia terapéutica, publicadea en a prestixiosa revista Metabolism, foi protexida por patente para impulsar o seu desenvolvemento e aplicación clínica

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025.-  Unha innovadora investigación liderada polo Dr. Alberto Ouro, do Grupo de Neuroenvellecemento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) que coordina Tomás Sobrino, e realizada conxuntamente co Grupo NeurObesity do CiMUS liderado polo Prof. Miguel López, desenvolveu unha nova ferramenta terapéutica para o ictus isquémico, primeira causa de morbimortalidade na nosa contorna e cuxas opcións terapéuticas actuais siguen sendo limitadas.

A prestixiosa revista Metabolism publicou o estudo desta nova estratexia terapéutica baseada na inhibición selectiva da proteína AMPK cerebral mediante pequenas vesículas extracelulares, unha tecnoloxía que foi protexida por patente, co obxectivo de impulsar o seu desenvolvemento terapéutico e posterior aplicación clínica.

O ictus isquémico é unha das principais causas de discapacidade e mortalidade no mundo. Aínda que se sabe que fumar aumenta o risco de sufrir un ictus, e debe evitarse, investigacións recentes dos grupos composteláns observaron que os pacientes fumadores poden presentar unha mellor recuperación funcional tras sufrir un infarto cerebral, un fenómeno coñecido como o “paradoxo do fumador no ictus”. O presente estudo demostra que a nicotina (compoñente do tabaco) ten un efecto neuroprotector ao inhibir a proteína AMPK no cerebro, reducindo o dano isquémico e mellorando a recuperación neurolóxica e funcional en modelos animais de isquemia cerebral.

Con todo, dado que a administración de nicotina leva importantes riscos para a saúde, o persoal investigador desenvolveu unha alternativa terapéutica baseada na administración de vesículas extracelulares deseñadas para inhibir de maneira específica a isoforma AMPKα2 no cerebro. Os resultados mostran que este enfoque reduce significativamente a lesión cerebral e mellora as funcións motoras e cognitivas en modelos experimentais de ictus.

“O noso estudo suxire que a inhibición de AMPK no cerebro pode ser unha estratexia terapéutica efectiva para o ictus isquémico. As vesículas extracelulares representan unha ferramenta prometedora para desenvolver terapias máis seguras e dirixidas”, destaca o Dr. Alberto Ouro, do Grupo de Neuroenvellecemento do IDIS, autor principal do estudo.

Para trasladar estes achados ao ámbito clínico, os investigadores rexistraron a patente EP24382172.5, que protexe o uso de vesículas extracelulares no tratamento do ictus. “O obxectivo é avanzar no desenvolvemento desta terapia e facilitar a súa chegada aos pacientes, superando os retos de toxicidade, escalabilidade e produción a nivel clínico”, explica o Dr. Ouro.

Os investigadores destacan a necesidade de realizar máis estudos para avaliar a seguridade e eficacia desta estratexia en humanos, co obxectivo de desenvolver novas terapias para os pacientes con ictus.

 

 

* Para máis información, consultar artigo completo en Metabolism :

DOI: 10.1016/j.metabol.2025.156160

Ouro A, Rodríguez-Díaz A, López-González T, Romaus-Sanjurjo D, Estévez-Salguero Á, Iglesias-Rey R, Rodríguez-Arrizabalaga M, Sanmartín PF, Castro-Mosquera M, Debasa-Mouce M, Custodia A, Aramburu-Núñez M, Muñoz-González M, Aguiar P, González-García I, Schneeberger M, Nogueiras R, Diéguez C, Castillo J, Sobrino T, López M. Neuroprotective effect of small extracellular vesicle-mediated targeting of AMPKα2 in cerebral ischemia. Metabolism. 2025 Feb 15:156160. doi: 10.1016/j.metabol.2025.156160. Epub ahead of print. PMID: 39961478.

Más noticias

Talento investigador del IDIS premiado por la Fundación Astrazeneca

Talento investigador del IDIS premiado por la Fundación Astrazeneca

La investigadora Sara Pischedda, del grupo GenPoB-GenViP del IDIS, aborda en su trabajo el virus metapneumovirus humano (hMPV), una de las causas más frecuentes de hospitalización infantil por infecciones respiratorias.
Laura Muinelo Romay, investigadora del grupo Oncología Médica Traslacional del IDIS, fue otra de las galardonadas por un trabajo sobre resistencia a inmunoterapia en tumores digestivos y ginecológicos.

ler máis
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.