O Dr. Pérez-Sayáns, líder do grupo ORALRES, presenta os resultados clínicos de Galibone+, un innovador produto de rexeneración ósea

20 Marzo 2026

O ensaio clínico avala a eficacia e seguridade deste biomaterial obtido tras anos de investigación

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026.– O Dr. Mario Pérez-Sayáns, investigador principal do grupo Patoloxía Médico-Cirúrxica Oral e Maxilofacial (ORALRES) do IDIS e profesor da USC, participou como relator convidado no Salón Internacional de Equipos, Produtos e Servizos Dentais, Expodental 2026, celebrado en Madrid.

A intervención do Dr. Perez-Sayáns serviu para presentar os resultados do ensaio clínico realizado con Galibone+, un produto sanitario de clase III con medicamento, desenvolvido no marco dun consorcio formado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Murcia (UMU) e a empresa Galimplant.

Galibone+ é un biomaterial para rexeneración ósea composto por fosfato beta-tricálcico, hidroxiapatita e un principio activo farmacolóxico, cuxa formulación foi froito de anos de investigación. ”O proxecto abordouse desde unha perspectiva integral, combinando estudos de caracterización fisicoquímica, ensaios biolóxicos in vitro e avaliación preclínica in vivo finalizada cun ensaio clínico en humanos (AEMPS)”, sinala o Dr. Pérez-Sayáns.

Os resultados dese ensaio clínico, presentados neste evento de referencia do sector odontolóxico, avalan a eficacia e seguridade do produto no ámbito clínico. “O traballo desenvolvido con Galibone+ xerou unha base científica sólida que apoia o seu potencial uso en aplicacións odontolóxicas e maxilofaciales, especialmente en procedementos relacionados con rexeneración ósea, preservación alveolar, defectos óseos ou cirurxía implantolóxica”, explica o investigador do IDIS. “Todo iso sitúa o proxecto como un exemplo de investigación traslacional, na que os resultados obtidos no laboratorio avanzan cara a unha posible aplicación clínica real”, indica o Dr. Pérez Sayáns, investigador principal xunto con Fabio Camacho Alonso.

Desenvolvemento do proxecto Galibone+

O proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, comezou con probas fisicoquímicas para analizar as propiedades do material, a súa composición, o seu comportamento estrutural e a súa idoneidade para aplicacións biomédicas. Estes estudos permitiron comprobar a súa estabilidade, as súas características de superficie e outros parámetros clave relacionados coa súa interacción coa contorna biolóxica.

Posteriormente, realizáronse estudos en liñas celulares (osteoblastos, osteoclastos, células de endotelio vascular) para avaliar a súa biocompatibilidade e a súa capacidade para favorecer respostas celulares relevantes nos procesos de reparación e rexeneración tisular. Os resultados obtidos apoian o interese do material como soporte para a adhesión, proliferación e actividade celular, aspectos esenciais no contexto da rexeneración ósea.

Ademais, o proxecto incluíu estudos en modelo animal (tibia de coello de Nova Zelandia Albino), fundamentais para valorar o comportamento do biomaterial en condicións máis próximas á práctica clínica. Estes ensaios permitiron analizar a súa integración no tecido, a súa resposta biolóxica e o seu potencial para contribuír á formación e reparación ósea.

Como parte do seu desenvolvemento traslacional, Galibone+ foi tamén avaliado nun ensaio clínico aleatorizado e cego, utilizando un modelo de terceiros molares incluídos. Este enfoque permitiu estudar a súa aplicación nun escenario clínico controlado, especialmente útil para valorar parámetros relacionados coa resposta tisular, a cicatrización e a rexeneración ósea tras a intervención cirúrxica. A utilización deste modelo achega solidez metodolóxica, ao tratarse dunha situación clínica frecuente, ben protocolizable e axeitada para obter evidencia comparativa sobre a seguridade e o potencial terapéutico do biomaterial.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.