Ademais, un proxecto sobre radon supervisado polo investigador do mesmo grupo, Alberto Ruano, recibe unha das bolsas Marie Curie concedidas pola USC
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026.- O grupo Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde acolle a súa terceira cátedra institucional, tras a de Vida Saudable e a de Saúde Ambiental, que levan Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, respectivamente. Trátase da Cátedra Institucional Cruz Roja USC, que leva unha década promovendo a docencia, a investigación, o desenvolvemento e a innovación aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas maiores. Leonor Varela Lema e Cristina Candal Pedreira, ambas investigadoras do citado grupo do IDIS e profesoras de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, exercen como directora e codirectora desta Cátedra que trata de afrontar un dos grandes retos da nosa sociedade, cada vez máis envellecida.
Leonor Varela Lema é doutora en Farmacia e Máster en Saúde Pública pola USC. Traballou durante 18 anos na Axencia Galega do Coñecemento en Saúde e durante máis de 10 anos foi responsable de Proxectos Internacionais no ámbito da avaliación de tecnoloxías. Actualmente coordina o Programa de Doutoramento en Epidemioloxía e Saúde Pública da USC, onde é profesora. A súa investigación céntrase no ámbito das intervencións para a promoción de hábitos de vida saudables en grupos de especial risco, ademais de continuar coa liña de investigación metodolóxica no ámbito dos ensaios e rexistros de pacientes. Investigadora principal de dous proxectos financiados competitivamente dentro da Acción Estratéxica en Saúde e o Plan Nacional sobre Drogas, actualmente participa na Acción Conxunta da Unión Europea SAFE. Pertence ao Comité Executivo da Sociedade Española de Epidemioloxía.
Cristina Candal Pereira é tamén doutora, Máster en Saúde Pública pola USC e Máster en Investigación Sanitaria pola UDC. Realizou estancias predoutorais e posdoutorais en Lisboa e nas universidades de Brown e Yale (EUA). É editora de Gaceta Sanitaria, coordina o grupo de traballo de ética da Sociedade Española de Epidemioloxía e, desde 2025, é a coordinadora da USC para a Rede de Universidades Promotoras en Saúde (REUPS). A súa investigación enfócase no ámbito da epidemioloxía das enfermidades crónicas e a súa relación cos factores de risco ambientais, así como na promoción de hábitos de vida saudables, ademais de continuar a liña de integridade científica. É a investigadora principal de dous proxectos competitivos financiados pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica e a Acción Estratéxica en Saúde; actualmente participa na Acción Conxunta da UE SAFE.
O IDIS recibe unha das bolsas Marie Curie
A semana pasada, un proxecto que desenvolve a investigadora do IDIS Lucía Rodríguez Loureiro, cun contrato posdoutoral Sara Borrell, recibiu unha das oito bolsas Marie Curie concedidas a proxectos presentados pola USC.
O estudo Integrated assessment of indoor radon and hazardous air pollutant in Non-Hodgkin Lymphoma. A casecontrol study in a radon-prone area está supervisado polo catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e investigador do IDIS Alberto Ruano Raviña, con ampla experiencia na investigación do radon e a súa relación co cancro de pulmón.
O estudo de Lucía Rodríguez trata de seguir afondando en como lle afecta á poboación a exposición ao radon, especificamente no linfoma Non-Hodgkin, un tipo de cancro que se orixina nos glóbulos brancos, compoñentes clave do sistema inmunitario e cuxa evidencia científica suxire unha posible asociación con estudos que indican un aumento do risco, especialmente en persoas expostas a niveis altos en interiores.
Será o primeiro estudo caso control con medicións individuais de radon nunha área de alto risco. O proxecto tamén avaliará a exposición a contaminantes atmosféricos perigosos co obxectivo de xerar probas sólidas que orienten estratexias de prevención ambiental do cancro en Europa.



