O grupo Patoloxía Musculoesquelética do IDIS publica un estudo que podería supor un avance no tratamento de trastornos óseos como a osteoporose

9 Marzo 2026

O traballo, publicado por Pharmaceutics, apoia a investigación de estratexias baseadas na colchicina para contrarrestar o exceso de adiposidade ósea

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026.– A revista Pharmaceutics publicou un traballo do grupo Patoloxía Musculoesquelética do IDIS que lidera Rodolfo Gómez. Baixo o título Colchicine Suppresses Adipogenic Differentiation of Mesenchymal Stem Cells: Implications for Bone Adiposity Control, o estudo centrouse en investigar o impacto da colchicina, utilizada para previr e tratar brotes agudos de gota, en trastornos óseos como a osteoporose, nos que a alteración do equilibrio osteoblasto-adipocito contribúe á patoloxía, pero ningunha terapia se dirixe directamente á adiposidade ósea.

“A colchicina xa se usa diariamente en miles de pacientes con gota e o seu perfil de seguridade, a doses baixas, é bo. Os nosos resultados suxiren que podería converterse nunha ferramenta sinxela e barata para combater a adiposidade medular e mellorar a saúde ósea en poboacións de risco”, explica o Dr. Rodolfo Gómez, investigador principal e un dos coordinadores do estudo.

O traballo demostra que a colchicina altera o metabolismo dos microtúbulos e a diferenciación das células nai mesenquimales a osteoblasto ou adipocito. “As concentracións terapéuticas clínicas de colchicina inhibiron significativamente a adipoxénese, mesmo despois dunha estimulación única e transitoria”, sinala o estudo, que conclúe, tamén, que ese efecto antiadipoxénico “implica unha alteración da homeostase microtubular, o que suxire que o control da ensamblaxe de microtúbulos podería ser unha ferramenta para regular o equilibrio osteoblasto-adipocito”, explica o Dr. Gómez.

O traballo revela, por primeira vez, que a colchicina, a concentracións terapéuticas reais, bloquea a diferenciación adipoxénica (formación de células graxas) das células nai mesenquimales e promove o seu compromiso cara á liñaxe osteoblástica (formación de óso). É dicir, é capaz de suprimir a formación de graxa no interior do óso e favorecer a xeración de tecido óseo novo.

Aínda que estas observacións derivan dun modelo in vitro e requiren confirmación en sistemas preclínicos relevantes, apoian a investigación de estratexias baseadas na colchicina para contrarrestar o exceso de adiposidade ósea en trastornos como a osteoporose.

DOI: https://doi.org/10.3390/pharmaceutics18010119

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.