O IDIS celebra o Día da Muller e a Nena na Ciencia con varias actividades dirixidas a alumnado de secundaria

11 Febreiro 2026

Estudantes do IES Félix Muriel de Rianxo participaron en obradoiros científicos e coloquios con investigadoras na sede do IDIS.

As mulleres representan o 58 % do persoal do IDIS, pero só o 32 % lideran grupos de investigación, unha tendencia que “está a evolucionar progresivamente cara a un maior equilibrio”, asegura a directora científica M.ª Luz Couce.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026.– Como vén sendo habitual cada 11 de febreiro, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) celebrou o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia cunha actividade dirixida a estudantes de secundaria. Nesta ocasión foron as alumnas e alumnos do IES Félix Muriel de Rianxo quen participaron en diversas iniciativas organizadas polo instituto de investigación compostelán.

A encargada de recibilos foi a directora científica do IDIS, M.ª Luz Couce Pico, quen lembrou a importancia de amosar o traballo das mulleres investigadoras e, en xeral, o papel da muller nas disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering e Mathematics), tema arredor do que xira este ano a celebración do 11F. “Visibilizar contribúe a crear referentes femininos nas áreas STEM e avanzar cara a unha ciencia máis xusta, inclusiva e igualitaria”, asegurou a directora científica.

Couce Pico sinalou, ademais, que o compromiso do IDIS vai máis alá de celebrar un día: “Traballamos para que máis nenas se sintan motivadas a crer que o seu lugar na ciencia é lexítimo e necesario. Hoxe o noso instituto conta con 780 mulleres, que representan o 58 % do total. Aínda que só o 32 % lideran grupos de investigación, esta tendencia está a evolucionar progresivamente cara a un maior equilibrio”.

Fomentar unha ciencia máis inclusiva dende a infancia

Nesa evolución ten moito que ver o traballo das propias mulleres investigadoras e científicas dentro e fóra dos laboratorios. Para amosar esta dobre “carreira” que debe realizar a muller científica, cinco investigadoras do IDIS contaron a súa experiencia ao alumnado de secundaria: Mabel Sampedro, responsable de Innovación e Transferencia do IDIS; Ana B. Crujeiras, investigadora principal do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición; Ana Sampedro Viana, investigadora predoutoral do grupo Neuroimaxen e Biotecnoloxía; Ana Barcia, técnica de laboratorio de Xenética e Bioloxía do Desenvolvemento das Enfermidades Renais, e María de la Fuente, líder do grupo de nano-oncoloxía e terapéutica translacional.

Esta última, ademais de contar cunha extensa e recoñecida carreira no ámbito da investigación e a súa aplicación á sociedade, é referente estatal na loita pola igualdade das mulleres na ciencia, ao impulsar cambios substanciais para lograr que a maternidade non penalizase a carreira das investigadoras.

Ademais de conversar coas investigadoras, o alumnado de secundaria participou en diversos obradoiros para coñecer in situ o traballo que levan a cabo laboratorios como os de Oncoloxía e Cardioloxía Translacional, Xenética ou a plataforma de Proteómica. “Ver o labor que realizan no seu día a día e coñecer a súa experiencia permiten crear eses referentes tan importantes para que as nenas e adolescentes saiban o traballo que desenvolven en favor de toda a sociedade e o teñan presente á hora de tomar decisións sobre o seu camiño profesional”, indican dende o IDIS.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.