Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025.- A Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) fixo pública a concesión dos premios extraordinarios de doutoramento en catro áreas de coñecemento, recoñecendo así a excelencia académica e científica das investigacións presentadas. Entre as áreas premiadas destaca a de Ciencias da Saúde, que volve situarse como un dos piares fundamentais da actividade investigadora da universidade.
Nesta convocatoria, dez doutorandas e doutorandos do IDIS obtiveron o premio extraordinario no ámbito de Ciencias da Saúde, mentres que os investigadores Fernando Castro (Xenética Psiquiátrica) e Pelayo García (Magnetismo e nanotecnoloxía) o recibiron na área de Ciencias, en Matemáticas e Física, respectivamente. Todas as persoas investigadoras defenderon as súas teses no IDIS, consolidando o Instituto como un espazo clave para a formación investigadora e o desenvolvemento de proxectos de alto impacto científico.
Entre as persoas premiadas na área de Ciencias da Saúde atópanse Julia Rey Brandariz e Cristina Candal Pedreira, do grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde; Triana Blanco Pintos, do grupo de Ciencias Odontolóxicas (OSRG); Alba Pérez González, do grupo de Patoloxía médico-cirúrxica oral e maxilofacial (ORALRES); Clara Ruiz Fernández, do grupo de Interaccións Neuroendocrinas en Enfermidades Reumáticas e Inflamatorias (Neirid); Francisco José Toja Camba, de FarmaCHUSLab; Laila Al Soufi Novo, do grupo de Xenética Psiquiátrica; Axel Kattar, do grupo de Investigación e Desenvolvemento en Formas de Dosificación e Liberación de Medicamentos; Ana María López Estévez, de NANOBIOFAR; e Paula Mariño Lorenzo, do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición.
Coa concesión destes premios extraordinarios, a USC e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) reforzan o seu compromiso coa excelencia científica, o impulso do talento investigador e a transferencia de coñecemento ao sistema sanitario e á sociedade. Desde a dirección do IDIS felicitan tanto ás persoas premiadas como a quen dirixiu as súas teses, cuxo traballo e acompañamento foron fundamentais para acadar a excelencia investigadora que se desenvolve no Instituto en todos os seus ámbitos.



