Acolle unha nova edición do Curso de Investigación Biomédica en Farmacia Hospitalaria, con cada vez máis presenza de profesionais portugueses
Santiago de Compostela, 25 marzo 2026-. A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago acolle desde hoxe e ata o venres 27 de marzo a V edición do Curso de Investigación Biomédica en Farmacia Hospitalaria, unha iniciativa impulsada pola Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e a Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia do CHUS.
Consolídase como unha cita formativa de referencia a nivel nacional, reunindo a alumnos procedentes de distintos puntos de España e destacando, ademais, pola crecente participación de profesionais portugueses, o que reforza a súa proxección internacional e o seu papel como punto de encontro ibérico en investigación biomédica.
Durante tres xornadas, o programa abordará aspectos clave como a creación e consolidación de grupos de investigación, a captación de talento, a aplicación da intelixencia artificial en saúde ou o desenvolvemento de novos fármacos, combinando sesións teóricas con talleres prácticos e espazos de networking.
Conta coa participación de destacados expertos do ámbito sanitario e científico, como Ángel Carracedo, Mabel Louza, Senén Barro ou Federico Martinón, referentes en xenética, innovación farmacolóxica, e intelixencia artificial e vacinas, respectivamente. Un dos eixos diferenciais desta edición é o seu enfoque práctico e multidisciplinar, incluíndo talleres sobre ferramentas innovadoras como o software de medicamento personalizado PKPDrugs, así como sesións centradas en medicamento personalizado e plataformas de investigación avanzada.
Segundo subliña Anxo Fernandez, Coordinador da Unidade de Investigación e Innovación di Servizo de Farmacia do CHUS, “o encontro fomenta a colaboración entre institucións, promovendo alianzas estratéxicas entre hospitais, universidades e centros de investigación, e reforzando o papel de Galicia como polo de innovación no ámbito biosanitario”. Con esta iniciativa, o Servizo de Farmacia da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza reafirma o seu compromiso coa excelencia investigadora e a formación de novos profesionais, nunha contorna cada vez máis internacionalizado.
O acto de inauguración, esta mañá, foi presidido polo xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Angel Facio, a directora científica do IDIS, Luz Couce, a directora da Fundación Pública de Investigación Sanitaria de Santiago, Isabel Lista, a xefa do Servizo de Farmacia, Irene Zarra e Anxo Fernández.



