Santiago acollerá no outono o primeiro Congreso Internacional de Medicina Clínica organizado por estudantes

31 Xullo 2025

O evento, que convocará a expertos nacionais e internacionais da medicina conta coa colaboración do IDIS e a USC.
As inscricións están abertas desde hoxe na páxina web oficial.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025.- A asociación estudantil Comunidade Médica en Formación (CoMeF) fai historia en Galicia ao organizar, por primeira vez, un encontro de especialistas de referencia mundial en Medicina Clínica para debater os retos do século XXI neste campo. O Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC) 2025, unha iniciativa que conta coa colaboración do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a USC, terá lugar os días 3 e 4 de outubro na compostelá Cidade da Cultura, e convocará a relatoras de máximo nivel procedentes de centros como Rutgers (Universidade estatal de New Xersei, EEUU), a Clínica Universidade de Navarra ou o Vall d’Hebron, entre outros centros de referencia. Tamén citará a 600-700 estudantes, médicos internos residentes e profesionais sanitarios de todo o país.

O presidente do comité organizador e da asociación CoMef, Carlos López Vila, celebra que Santiago vaia a acoller este encontro “é histórico para Galicia e marcaremos tendencia en España: demostramos que o liderado, a excelencia académica e a innovación xorden cando un alumnado comprometido traballa cun profesorado que exerce de mentor e guía”. Pola súa banda, o Dr. Ramón González Juanatey, catedrático, xefe de servizo de cardioloxía e piar fundamental do comité científico do evento, quixo destacar a conveniencia deste evento, pois “a Medicina Clínica necesita foros onde se discutan casos reais con rigor, espírito crítico e visión humana. Participar nun congreso liderado por estudantes enriquece a toda a comunidade”, asegura.

Todos os membros do comité científico, do mesmo xeito que o Dr. González Juanatey, teñen importantes vinculacións co IDIS e coa Universidade de Santiago de Compostela. Antonio López Díaz, reitor da institución, quixo destacar a súa aposta firme por este tipo de eventos. “Esta é unha iniciativa ambiciosa e histórica que non dubidamos en apoiar desde o primeiro momento. Estamos entusiasmados cos estudantes comprometidos que velan por traer calidade á universidade”, afirma.

Un programa orientado á clínica real

O CIMEC 2025 xorde dun desexo dos estudantes de medicina, que expresaron a necesidade de contar con eventos como este para complementar a súa formación, como vén facendo noutras universidades de prestixio. O vicepresidente da organización do congreso e da asociación CoMef, Manuel García Cordeiro, está moi satisfeito co traballo desenvolvido e móstrase optimista “tras máis dun ano traballando de xeito conxunto cos profesores e as organizacións, ilusiónanos moito a forma que está a tomar este proxecto. Cremos que aos alumnos vai encantar e esperamos poder celebrar un éxito ao grande”.
O congreso preséntase, así, como unha oportunidade para enriquecer a experiencia de alumnado e formadores, nunha contorna no que se abordarán temas clave para a práctica clínica actual e futura. Desde o manexo integral do paciente complexo e a medicina baseada na evidencia, ata o papel fundamental da medicina de familia na atención do paciente. Ademais, exploraranse os últimos avances en inmunoterapia e cancro de páncreas, xunto a outros temas relevantes presentados por expertos de renome.

O evento contará coa participación de 10 líderes de opinión internacionais, como o experto en oncoloxía Mariano Barbacid; o cardiólogo Josep Brugada; Michel Kahaleh, recoñecido pola súa innovación en tratamentos endoscópicos, Verónica Casado, nomeada en 2018 a mellor médico de familia do mundo pola World Organization of Family Doctors (WONCA World); ou o mestre en xenómica Ángel Carracedo, entre outros, que ofrecerán relatorios maxistrais nos seus diversos campos de estudo.

Ademais, realizaranse seminarios multidisciplinares sobre as grandes síndromes clínicas e a coordinación entre niveis asistenciais, nas que participarán relatores galegos, maioritariamente, como a dra. África González Fernández, catedrática de inmunología en Vigo. Tamén terán lugar diversos talleres prácticos e hands-on sobre ecografía clínica, interpretación de probas complexas, comunicación de malas noticias, simulación clínica, RCP e urxencias ou manexo de vías aéreas.

Co obxectivo de involucrar máis aos mozos para que contribúan coas súas achegas científicas, convocaranse premios ás mellores comunicacións orais e pósteres realizados tanto por estudantes como por residentes; e organizaranse encontros informais en espazos de socialización para conectar novos talentos con expertos consolidados.

As inscricións estarán abertas desde hoxe, 30 de xullo, a un prezo reducido de 30€, que se verá incrementado en 5€ a partir do 15 de setembro.
Más información e inscricións: http://cimec.comefgalicia.es/

 

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.