Galicia únese por quinta vez ás preto de 400 cidades europeas que tamén celebran actividades no marco desta iniciativa que pretende espertar vocacións científicas.
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024.- Un ano máis, o IDIS participa na Noite Europea das Persoas Investigadoras G-Night que se celebrará o vindeiro 26 de setembro nas sete grandes urbes galegas. O evento científico celebra a súa quinta edición baixo o lema “Conciencias creativas” co obxectivo de achegar a ciencia ás rúas, museos e institucións educativas de forma aberta e participativa para espertar vocacións científicas. Nel participan máis dunha ducia de universidades, centros e institutos de investigación, coordinados pola Universidade de Vigo, coa creatividade e a relación co coñecemento científico como eixo do evento.
A través de actividades e explicacións dinámicas, o persoal investigador do IDIS organiza este venres o obradoiro “Descubrindo a biomedicina: a ciencia que transforma a saúde”, unha actividade aberta a todos os públicos que permitirá adentrarse nunha viaxe interactiva para descubrir como a biomedicina fusiona bioloxía, medicina e tecnoloxía avanzada. Acompañados do persoal do IDIS, os asistentes poderán explorar como este campo innovador está revolucionando a prevención, diagnóstico e tratamento de enfermidades, mellorando así a vida e saúde das persoas. A actividade celebrarase en Santiago de Compostela este venres 26 de setembro, no Claustro do Colexio de Fonseca, en horario de 18h a 21h.
A programación completa do evento poderá consultarse na páxina web da G-Night e nas redes sociais da mesma.
Ciencia aberta ao mundo
Este ano 2025, Galicia únese por quinta vez ás preto de 400 cidades europeas que tamén celebran actividades no marco desta iniciativa europea. Ao longo da xornada, as cidades de Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Lugo, Ourense e Vigo encheranse de máis de 200 actividades gratuítas nas que as investigadoras e as investigadores das universidades, así como os organismos de investigación galegos, darán a coñecer o seu traballo á cidadanía.
A iniciativa busca conectar a investigación coas persoas, poñendo en valor a importancia das súas achegas para o avance social. Para iso levaranse a cabo experimentos, talleres, demostracións, rutas, representacións teatrais e moitas máis actividades de divulgación e lecer científico, que serán só unha pequena mostra das actividades das que poderán gozar as persoas asistentes á G-Night.
O evento está coordinado pola UVigo, á fronte dun consorcio no que participan as universidades de Santiago e Coruña, e varios institutos e centros de investigación galegos. Nesta edición, a G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través da GAIN, a Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.