O IDIS súmase á campaña da Xunta para visibilizar o talento e a competitividade da I+G+i galega

4 Febreiro 2026

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026.- A Xunta de Galicia puxo en marcha esta semana unha ambiciosa campaña de promoción destinada a poñer en valor o talento dos profesionais vinculados á I+G+i, así como a ciencia e a innovación que se desenvolven en Galicia, destacando ao mesmo tempo a solidez e competitividade do ecosistema que as sustenta. Esta iniciativa enmárcase nunha das liñas estratéxicas do Goberno autonómico, nun ámbito que experimentou un notable crecemento nos últimos anos tanto en dotación presupostaria como en proxección e recoñecemento internacional, consolidándose como un selo distintivo da marca Galicia Calidade.

A campaña terá presenza en distintos medios de comunicación e soportes, ademais de difundirse a través das redes sociais e mediante accións no espazo público. Estará protagonizada por cinco profesionais de referencia pola súa contribución á I+D+i en Galicia, procedentes de ámbitos diversos como a biotecnoloxía, o software científico, a farmacoloxía, as tecnoloxías da información e a comunicación, a conectividade, a intelixencia artificial e a ciberseguridade, a electrónica ou a ciencia de polímeros.

Estes perfís desenvolven a súa labor en diferentes tipos de entidades que integran o sistema galego de I+G+i, incluíndo o ámbito universitario e os centros de investigación da Rede CIGUS, os centros tecnolóxicos, a investigación empresarial e as spin-off de base científica.

Con esta acción, que se leva a cabo por segundo ano consecutivo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reafirma o seu compromiso cun sector clave para o progreso social e a competitividade económica de Galicia. A campaña está aliñada co Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, dotado con máis de 1.300 millóns de euros, que establece como prioridades a atracción e retención de talento investigador e a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo, especialmente en áreas estratéxicas como a biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas —como a cuántica e a intelixencia artificial— e as enerxías limpas.

Perfil dos participantes

A investigadora do IDIS, Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía da USC e Directora Científica do CIMUS, é unha das participantes destacadas e unha figura clave do sistema galego de investigación. Desde este entorno, orientado á investigación traslacional e á transferencia de coñecemento ao ámbito clínico, desenvolve unha traxectoria científica de referencia. Lidera o grupo de investigación BioFarma e é impulsora da plataforma de cribado de fármacos InnoPharma. Ademais, dirixe o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, integrado na Rede CIGUS —que agrupa os centros universitarios de investigación de maior excelencia de Galicia— e distinguido o pasado ano co prestixioso selo María de Maeztu.

A transferencia de coñecemento á sociedade está representada por María de la Fuente, científica do IDIS e directora executiva e cofundadora de Diversa Technologies. Con máis de dúas décadas de experiencia, o seu traballo céntrase na aplicación da nanotecnoloxía ao ámbito biomédico para dar resposta a necesidades clínicas non cubertas e avanzar cara a modelos de medicina personalizada. Esta spin-off biotecnolóxica, xurdida en 2021, ten a súa orixe no IDIS e no Servizo Galego de Saúde (Sergas), e foi impulsada a través do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia, constituíndo un exemplo destacado de como a I+G+i se traduce en solucións concretas para a sociedade.

Entre os protagonistas da campaña atópase o investigador Oportunius Jaime Martín, que desenvolve a súa actividade científica no CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. Trátase dun perfil de excelencia captado pola Xunta de Galicia desde outra comunidade autónoma. En 2022 foi beneficiario dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC), consideradas as máis prestixiosas no ámbito da I+D+i en Europa, para o desenvolvemento do proxecto Paracryst. A súa incorporación ao sistema galego de I+G+i foi posible a través do programa Oportunius da Consellería de Ciencia. A súa investigación céntrase no estudo da estrutura dos polímeros semiconductores, con aplicacións clave en electrónica orgánica orientadas ao desenvolvemento de células solares máis estables e eficientes.

Luis Pérez, director executivo do centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, representa o papel estratéxico deste tipo de entidades dentro do ecosistema galego de I+G+i. Gradiant está especializado en tecnoloxías da información e a comunicación, conectividade, intelixencia artificial e seguridade, e mantén unha estreita relación co tecido produtivo. Doutor en Enxeñaría de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, Luis Pérez centró a súa traxectoria investigadora en ámbitos como as marcas de auga dixitais, a seguridade e o procesamento multimedia, incorporándose a Gradiant en 2009 para impulsar a creación e consolidación dunha nova área tecnolóxica.

Por último, Pablo Álvarez encarna a dimensión da investigación empresarial. É director do Centro de Investigación Empresarial Mestrelab, de recente creación e apoiado pola Xunta de Galicia, especializado no ámbito do software científico. Cunha traxectoria profesional de máis de 25 anos, Pablo Álvarez é tamén presidente do hub europeo de innovación dixital EDIH DATAlife, fundador e general partner do fondo Bio&Tech Capital, e promotor da Fundación T.END, orientada á erradicación da tuberculosis a nivel mundial.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.