Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025.– A pasada fin de semana, Cambados acolleu o SolidarityFest, un festival solidario que axuntou música, gastronomía, artesanía e cultura cun fin común: recadar fondos para apoiar a investigación en oncoloxía desenvolvida desde o IDIS.
Durante tres xornadas, o Pazo de Torrado converteuse en escenario dunha cita única que reuniu a artistas de primeiro nivel como Ortiga, Guadi Galego, DJ G-Rich, Duele e outros grupos emerxentes do panorama galego. Ademais dos concertos, o público puido gozar de mercadillos de artesanía, showcookings con produtos das Rías Baixas e actividades culturais que achegaron a identidade galega aos asistentes.
A iniciativa, organizada pola Fundación Condado de Taboada, coa colaboración do Concello de Cambados e diversas entidades locais, tivo unha gran acollida cidadá e demostrou a forza da solidariedade cando se une á cultura. Os beneficios obtidos destinaranse integramente a proxectos de investigación do IDIS no ámbito de oncoloxía.
Con esta edición, o SolidarityFest consolídase como un evento de referencia en Galicia que combina entretemento, identidade cultural e compromiso social, e que estreita lazos entre a sociedade e a ciencia.