Persoal investigador do IDIS apunta ao xene PTK2B como posible preditor da obesidade

17 Decembro 2024

No estudo liderado polo grupo de Endocrinoloxía Traslacional do IDIS participaron máis de 130 nenos e adolescentes galegos.

Os niveis de expresión deste xene poderían ser un biomarcador capaz de axudar na prevención dos trastornos metabólicos na infancia.

O 62 % da poboación galega maior de 18 anos sofre sobrepeso; Galicia sitúase como a segunda comunidade coa porcentaxe máis alta.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024.- Os niveis de obesidade infantil son un factor de risco determinante para o desenvolvemento desta enfermidade na idade adulta. Co obxectivo de identificar novos biomarcadores que poidan axudar no diagnóstico e previr os trastornos metabólicos na infancia, un grupo de investigadores do IDIS acaba de publicar unha investigación na que participaron máis de 130 nenos e adolescentes galegos que permitiría realizar unha abordaxe máis precisa e personalizada nos pacientes.

O obxectivo da investigación, liderada polo grupo de Endocrinoloxía Traslacional do IDIS, é avaliar o papel metabólico do xene PTK2B que produce a proteína tirosina quinasa 2 rica en prolina (Pyk2) en nenos e adolescentes con obesidade, medindo os seus niveis de expresión en mostras de sangue periférico e observando a súa asociación con diferentes indicadores de obesidade e parámetros bioquímicos. Estudos previos determinaron que a Pyk2 está involucrada en varias enfermidades nas que a sintomatoloxía presenta alteracións no equilibrio enerxético. “Con todo, o seu papel na obesidade non se coñece ben, este traballo proporciona información importante sobre o papel non descrito previamente deste xene na obesidade”, apuntan os investigadores do IDIS.

Tras un estudo transversal, os resultados mostraron unha maior expresión do xene PTK2B en 130 nenos e adolescentes con obesidade, o que suxire que o xene PTK2B participa na regulación desta enfermidade. “Curiosamente, atopouse que estes altos niveis de expresión estaban relacionados cun maior peso corporal, masa graxa, maior circunferencia da cintura, unha maior presión arterial e parámetros hormonais como altos niveis de leptina. Ademais, determinamos que os niveis de expresión do xene PTK2B poderían ser un predictor do desenvolvemento de obesidade”, explica Omar Al-Massadi, líder do grupo de Endocrinoloxía Traslacional do IDIS e coordinador da investigación.

Por outra banda, estes achados abren novas vías de investigación para determinar como esta tirosina quinasa pode modular a obesidade. “Este descubrimento proporciona unha visión única de como unha vía previamente vinculada a enfermidades neurodexenerativas contribúe activamente á regulación metabólica, con implicacións potenciais para abordar a obesidade”, afirma Omar Al-Massadi.

En paralelo á publicación destes datos, un artigo recentemente publicado na prestixiosa revista Journal of Hepatology destacou unha conexión entre Pyk2 e o fígado graxo. O estudo suxire que Pyk2 podería desempeñar un papel no desenvolvemento e tratamento de enfermidades hepáticas como o fígado graxo e a fibrose hepática, un fenómeno estreitamente asociado coa obesidade. Esta relación entre Pyk2 e o fígado graxo, combinada cos achados do grupo IDIS sobre o seu uso como novo biomarcador de obesidade, abre novas vías para o estudo da regulación metabólica.

Tratamentos personalizados e prevención

Os investigadores do IDIS están a considerar colaboracións interdisciplinares para traducir estes achados en aplicacións clínicas prácticas e avanzar cara a tratamentos metabólicos máis personalizados. “Este descubrimento salienta a importancia de considerar o papel do xene PTK2B no campo metabólico e como a súa modulación podería influír na obesidade. Temos esperanzas na posibilidade de aplicar este coñecemento para avanzar en estratexias terapéuticas máis precisas e efectivas”, sinala o coordinador do grupo de Endocrinoloxía Traslacional.

Este achado non só proporciona unha base sólida para futuras investigacións, senón que tamén suxire a posibilidade de desenvolver tratamentos personalizados baseados nos niveis de PTK2B. Estas intervencións poderían apuntar non só á obesidade senón tamén a outras condicións metabólicas asociadas.

O desenvolvemento dun kit de diagnóstico baseado na medida dos niveis deste biomarcador permitiría identificar a aquelas persoas con risco de padecer obesidade e así establecer estratexias temperás de prevención. “A nosa intención é xerar resultados cunha aplicación clínica que permitirá unha translación ao coidado e tratamento dos pacientes”, sinala o investigador Omar Al-Massadi.

As cifras da obesidade en Galicia

No caso de Galicia, a prevalencia da obesidade é alarmante, e atópase nun nivel comparable ao resto de España. Segundo os datos da última Enquisa Europea de Saúde, un 39 % da poboación galega ten sobrepeso e un 22,5 % sofre obesidade, o que significa que uns 444.000 galegos viven con obesidade. O 62 % da poboación, é dicir, case dúas de cada tres galegos maiores de 18 anos teñen exceso de peso, o que sitúa a Galicia como a segunda comunidade coa porcentaxe máis alta, tan só superada moi de preto por Estremadura, co 62,1 %; a media estatal está en torno ao 56 %.

Os datos de exceso de peso dos nenos e adolescentes galegos, aínda que tamén preocupantes, son máis esperanzadores porque se atopan nun 28,4 % (18,5 % sobrepeso e 9,7 % de obesidade); por baixo da media nacional (30 % exceso de peso en nenos e adolescentes). Esta prevalencia de obesidade é maior en homes que en mulleres, tanto en adultos como en nenos e adolescentes.

Colaboración

O traballo é froito dunha colaboración entre varios grupos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Ademais do grupo de Endocrinoloxía Traslacional, dirixido polo Dr. Omar Al-Massadi, tamén participaron o grupo de Nutrición Pediátrica, liderado pola Dra. Rosaura Leis; o grupo de Investigación de Fisiopatoloxía Endócrina, dirixido pola Dra. Luisa María Seoane; o grupo de Xenética Psiquiátrica, liderado polo Dr. Xabier Costas; e o grupo de Gastroenteroloxía Molecular e Celular, liderado polo Dr. Javier Conde.

A primeira autora do estudo é Eva Prida, beneficiaria do Programa de Axudas Predoutorais que concede o IDIS. Tamén foi financiado polo Instituto de Saúde Carlos III e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do seu programa de Axudas a Proxectos de Excelencia; e pola Fundación da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo. Ademais, o grupo de investigación liderado por Omar Al-Massadi intégrase dentro do Grupo do Ciber de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CiberOBN), dirixido por Luisa María Seoane, no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Referencias do artigo

Prida E, Pérez-Lois R, Jácome-Ferrer P, Muñoz-Moreno D, Brea-García B, Villalón M, Pena-Leon V, Vázquez-Cobela R, Aguilera CM, Conde-Aranda J, Costas J, Estany-Gestal A, Quiñones M, Leis R, Seoane LM, Al-Massadi O*. The PTK2B gen is associated with obesity, adiposity and leptin levels in children and adolescents. iScience. 2024 Oct 9;27(11):111120. doi: 10.1016/j.isci.2024.111120. eCollection 2024 Nov 15. PMID: 39498303.

 

Máis información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.