Isabel Lista García
Directora da Fundación IDIS
Isabel Lista García é directora da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) desde 2019, onde lidera a Unidade de Xestión dunha das principais institucións de investigación biomédica de España.
Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, conta cunha sólida formación especializada en xestión, calidade e planificación sanitaria. Posúe un posgraduado en Comportamento do Consumidor e Investigación Comercial, un mestrado en Xestión de Calidade con especialización no modelo EFQM de excelencia e autoavaliación, e un mestrado en Xestión e Planificación Sanitaria para Directivos da Saúde pola Universidade Europea. Ademais, complementou a súa traxectoria cunha ampla formación en planificación estratéxica, dirección e liderado organizacional.
A súa vinculación co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) comezou en 2011 como responsable de Calidade e Coordinadora da Secretaría Técnica. Desde o seu nomeamento como directora de FIDIS, impulsou unha xestión orientada á eficiencia, a internacionalización e a sustentabilidade, aliñando estratexicamente as accións da Fundación cos obxectivos do IDIS e do conxunto do ecosistema sanitario galego.
Desempeñou os cargos de responsable de calidade e proxección social na Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia (2005-2006); coordinadora de proxectos de calidade na Unidade de Psicoloxía, Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (2007 – 2010); auditora de calidade no sistema integral de calidade turística española de destinos (SICTED) (2004). Previamente, exerceu cargos enfocados na investigación de mercados e estudos de campo (2001 – 2004).
O seu perfil combina experiencia técnica, visión estratéxica e un firme compromiso coa excelencia na xestión da I+D+i en saúde.