Os achados do estudo premiado abren novas perspectivas para identificar biomarcadores e desenvolver estratexias terapéuticas máis precisas
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026.– O traballo Serum levels of autotaxin reveal its role as a novel biomarker of migraine, do investigador do IDIS Alberto Ouro Villasante, foi recoñecido co Premio á Mellor Publicación Científica do ano 2025 da revista Headache. Este galardón distingue o artigo considerado máis relevante entre todos os publicados durante o ano nunha das revistas internacionais de referencia no ámbito das cefaleas e os trastornos migrañosos. O recoñecemento é concedido pola American Headache Society, o que subliña o impacto científico e clínico do traballo a nivel internacional.
“Este galardón supón un recoñecemento internacional de alto nivel científico e, ao mesmo tempo, un recoñecemento ao traballo multidisciplinar realizado, que integrou investigación básica, análise bioquímica, aproximación clínica e colaboración entre diferentes perfís profesionais”, resalta o autor principal do traballo, o Dr. Alberto Ouro. “Seguiremos avanzando na capacidade teragnóstica enfocada na hemicrania, co obxectivo de avanzar cara a ferramentas que permitan unha mellor estratificación de pacientes e unha terapia máis personalizada”, engade o autor.
No estudo, coordinado polo Grupo de Cefaleas do IDIS que lidera o Dr. Rogelio Leira e o Grupo de Neuroenvellecemento do Dr. Tomás Sobrino, demostrouse, por primeira vez, a existencia de niveis significativamente elevados de autotaxina sérica en pacientes con hemicrania, tanto episódica como crónica, en comparación con suxeitos control. Estes resultados achegan evidencia directa da implicación do metabolismo de lípidos bioactivos na fisiopatoloxía da hemicrania e reforzan a hipótese de que a vía autotaxina–LPA podería desempeñar un papel relevante na activación trigeminovascular e nos procesos neuroinflamatorios asociados á enfermidade. Ademais, estes achados abren novas perspectivas para a identificación de biomarcadores e o desenvolvemento de estratexias terapéuticas máis precisas.
Desde o IDIS aseguran que o premio supón, sobre todo, un recoñecemento ao esforzo colectivo do persoal e a unha liña de investigación orientada a trasladar coñecemento básico cara a aplicacións clínicas que poidan beneficiar os pacientes con hemicrania.
Grazas a que este traballo, pioneiro e innovador, os grupos de traballo recibiron novas fontes de financiamento competitivo do Programa Estatal de Xeración de Coñecemento 2024, a través da Axencia Estatal de Investigación (AEI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.



