Un estudo do grupo Obesidómica do IDIS revela novos datos sobre o papel das vesículas extracelulares na obesidade e no fígado graxo non alcohólico

19 Marzo 2025

O estudo identifica biomarcadores que poderían ser indicadores da progresión da enfermidade nas primeiras etapas a través dunha análise non invasiva e personalizada mediante estudos de biopsia líquida

O innovador traballo foi publicado no Journal of Translational Medicine

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025.- O Journal of Translational Medicine publicou un estudo do grupo Obesidómica do IDIS titulado “Intra and inter-organ communication through extracellular vesicles in obesity: functional role of obesesomes and steatosomes”. O innovador traballo, que forma parte da tese da investigadora do grupo Nerea Lago, permitiu  descubrir novos mecanismos de comunicación entre órganos a través de vesículas extracelulares no contexto da obesidade e as súas comorbilidades.

“O noso grupo de investigación leva anos desenvolvendo distintas liñas de investigación centradas no estudo das vesículas extracelulares, que son unhas pequenas esferas liberadas por todas as células do noso organismo e presentes en calquera fluído biolóxico, que posibilitan a comunicación entre si de células e tecidos dunha maneira moi sofisticada, non só en condicións normais, senón en situacións de enfermidade”, explica María Pardo, líder do grupo Obesidómica.

“Este estudo demostra que o tecido adiposo humano de pacientes con obesidade secreta vesículas, que denominamos obesosomas, que teñen a capacidade de interactuar con células do sistema inmunolóxico tipicamente presentes na graxa acumulada durante o desenvolvemento da obesidade, promovendo a súa inflamación e a liberación de citocinas proinflamatorias. Este fenómeno podería estar exacerbando non só o ciclo de inflamación local e sistémico asociado á obesidade, senón tamén promovendo a resistencia á insulina (diabetes) tanto a nivel local como a distancia”, indica a investigadora.

Afectación na enfermidade de fígado graxo non alcohólico

O traballo permitiu demostrar a interacción directa dos obesosomas liberados polo tecido graxo de pacientes con obesidade, co fígado, o que provoca nos hepatocitos unha redución significativa da sensibilidade á insulina (promovendo a diabetes) e unha alteración das vías do metabolismo de lípidos e glicosa asociadas ao desenvolvemento do fígado graxo, unha patoloxía común no sobrepeso e a obesidade.

Este achado é particularmente relevante no caso das vesículas liberadas polo tecido adiposo situado a nivel central (visceral) en pacientes con obesidade, xa que lograron describir cómo estes obesosomas son considerablemente máis nocivos que os secretados pola graxa subcutánea e que o efecto deletéreo dos obesosomas viscerais está relacionado coa diabetes e o grao de inflamación do paciente con obesidade.

Doutra banda, no estudo observouse que os hepatocitos, no desenvolvemento do fígado graxo, liberan vesículas denominadas esteatosomas (de esteatose hepática), que son funcionais e provocan resistencia á insulina ao interactuar con hepatocitos sans, empeorando así a enfermidade do fígado graxo unha vez establecida.

Finalmente, o grupo do IDIS destaca o avance que supuxo poder caracterizar, por primeira vez, o contido molecular presente no interior destas vesículas, especificamente ao analizar a carga proteica dos esteatosomas secretados por hepatocitos en condicións de esteatose. Esta análise resalta a importancia dos esteatosomas como reservorios de biomarcadores de enfermidade hepática nas súas etapas iniciais e como posibles indicadores da progresión da enfermidade, o que os converte en candidatos prometedores para a súa análise non invasiva e personalizada mediante estudos de biopsia líquida.

 

Link ao artigo completo:

https://translational-medicine.biomedcentral.com/articles/10.1186/s12967-024-06024-7

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.