Xornada “Unha cita para declararte pola túa pel”

6 Novembro 2024

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024.- O Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) acolleu onte martes a xornada de portas abertas ‘Unha cita para declararte pola túa pel’. Un encontro para pacientes, familiares e persoal investigador do IDIS no que se abordou a importancia de manter unha comunicación fluída entre dermatólogos e pacientes para optimizar o manexo da enfermidade psoriásica. O encontro estivo organizado pola asociación Acción Psoriase e contou coa colaboración da biofarmacéutica AbbVie. A xornada, aberta ao público, contou coa participación de Fátima Rodríguez, paciente e representante de Acción Psoriase; Javier Ventosa, director asistencial da área Sanitaria de Santiago e Barbanza; Juan Manuel González Lorenzo, subdirector de Humanización e atención á cidadanía, Marina Rodríguez, do Servizo de Reumatoloxía e investigadora do IDIS, Mónica Lorenzo, Ángeles Flórez, xefa do Servizo de Dermatoloxía do CHUS; Sabela Rodríguez, facultativa do Servizo de Dermatoloxía; do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición; e Irene Zarra Ferro, farmacéutica e xefa do Servizo de Farmacia Hospitalaria do mesmo hospital.

Durante o encontro, a doutora Ángeles Flórez, destacou “o carácter multidisciplinar da xornada, coa participación da dirección xerencia, pacientes e persoal facultativo dos servizos de dermatoloxía, reumatoloxía, endocrinoloxía e farmacia hospitalaria. Esta aproximación permitiu achegarnos a unha enfermidade complexa desde un enfoque máis transversal, que ten en conta a afectación cutánea e articular, pero tamén considera outros aspectos moi importantes para a saúde como os hábitos de vida ou a adherencia terapéutica”. Ademais, durante a súa intervención, a doutora Flórez sinalou que, “Aínda que é certo que o control que se alcanza actualmente, tanto do dominio cutáneo como do articular coa medicación innovadora, é moi bo na maior parte dos pacientes, debemos seguir avanzando para consolidar o modelo de traballo en equipo que vemos nesta xornada, co paciente no centro da atención. Considero que esta é unha das claves do éxito da Unidade de Psoriase do CHUS”.

Pola súa banda, Fátima Rodríguez, tamén quixo poñer de manifesto, durante a súa intervención, que os pacientes son unha parte esencial da abordaxe da psoríase e a artrite psoriásica, xa que son quen convive diariamente coas patoloxías e saben como lles afecta. “As persoas con enfermidade psoriásica teñen un papel crucial, aínda que ás veces cústalles transmitir as súas emocións ao dermatólogo, xa sexa por vergoña ou medo a que minimicen os seus síntomas. Por iso, é moi importante que deixen ao carón estes sentimentos e que expresen as súas preocupacións ao médico, para que este poida optar por tratamentos máis efectivos que melloren a súa calidade de vida”.

Declárate: unha campaña que anima aos doentes a falar sobre a súa enfermidade

A xornada “Unha cita para declararte pola túa pel” celebrada en Santiago enmárcase na campaña de concienciación “Declárate”. Trátase dunha iniciativa posta en marcha en 2020 por Acción Psoriase, coa colaboración de AbbVie, para animar ás persoas con psoríases e artrites psoriásica a falar co seu dermatólogo sobre a realidade da enfermidade e o seu impacto social e emocional. O obxectivo deste proxecto é dotar de ferramentas aos pacientes para recoñecer a afectación da súa enfermidade no día a día, afrontalos e falalo co seu dermatólogo ou reumatólogo.

A campaña conta co respaldo dun comité científico formado por Miquel Ribeira, dermatólogo do Hospital Universitari Parc Taulí de Sabadell e Sandra Ros, psicóloga do hospital da Santa Creu i Sant Pau, de Barcelona, quen ideou esta campaña co obxectivo de impulsar o rol activo dos pacientes na súa enfermidade e mellorar a abordaxe asistencial desta patoloxía.

Sobre a psoríase

A psoríase é unha enfermidade da pel inflamatoria, inmunomediada e crónica que causa placas inflamadas e escamosas na pel que poden causar dor e malestar. Afecta polo menos a 125 millóns de persoas en todo o mundo e máis dun millón no noso país.

Un 31% dos pacientes con psoríases terminan desenvolvendo artrites psoriásica. Ademais, e segundo a enquisa NEXT Psoríase, catro de cada dez pacientes indican que a patoloxía lles afecta no seu día a día, non só a nivel físico, senón tamén emocional e socialmente.

 

Máis información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.