O acordo de colaboración tecnolóxica entre a FIDIS e Fujitsu presenta resultados iniciáis prometedores

10 Setembro 2025

Tres entidades públicas sanitarias galegas forman parte do proxecto, que busca validar clinicamente a IA como apoio ao diagnóstico xenómico

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025.- O A Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur reuníronse estes días con Fujitsu Research of Europe para celebrar unha reunión do Comité de Dirección do acordo de colaboración asinado en novembro de 2024 entre as entidades e a compañía nipoa para para o avance no desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial (IA) capaces de acelerar o diagnóstico xenético e clínico.

A investigación realizada pola empresa tecnolóxica está orientada ao desenvolvemento de ferramentas avanzadas de intelixencia artificial destinadas á análise de datos xenómicos. “O noso obxectivo é desenvolver ferramentas de IA que promovan un proceso operativo fluído e rápido entre a atención primaria, os especialistas sanitarios e os especialistas en xenética. Os beneficios finais son contribuír a mellorar os resultados para os pacientes a través dun apoio diagnóstico máis preciso e fiable, así como axudar aos médicos con ferramentas que lles axuden a tomar decisións e mellorar a eficiencia do sistema de saúde pública” explica Serban Georgescu, CEO de Fujitsu Research of Europe. “Esta colaboración permítenos avaliar o impacto das nosas tecnoloxías de IA en diferentes etapas do diagnóstico xenético, desde o xenetista durante a creación dun informe xenético inicial ata os médicos que toman decisións baseadas na información proporcionada polos xenetistas” concreta.

Nos últimos anos, Galicia consolidouse como un ecosistema líder en xenómica clínica e medicina personalizada, proporcionando a contorna ideal para que a colaboración entre Fujitsu e as entidades sanitarias galegas poida contribuír a afrontar os desafíos globais do sector sanitario e impulsar a súa transformación dixital. Ata o momento, leváronse a cabo ensaios de validación clínica en tres direccións: diagnóstico precoz de cancro hereditario e cardiopatías conxénitas, e mellora da identificación de características clínicas en enfermidades raras. Os resultados iniciais mostran que as ferramentas de IA desenvolvidas por Fujitsu teñen unha precisión do 95% para predicir a relevancia de variantes xenéticas asociadas a cancro hereditario, o cal representa un punto de partida moi prometedor. O próximo obxectivo do equipo multidisciplinar deste consorcio será ampliar a colaboración nesta dirección e iniciar a validación dunha ferramenta de IA que acelere o diagnóstico xenético de enfermidades raras.

O grupo de Predisposición ao cancro e Biomarcadores do IDIS, liderado pola Dra. Ceres Fernández, leva traballando con Fujitsu case dous anos. A investigadora defende que “este tipo de marcos colaborativos son unha forma sinxela de introducirse no mundo da innovación e poden resultar altamente beneficiosos para as institucións tanto académicas como para a industria”. A súa investigación está focalizada na análise de como a xenómica e outros datos ómicos, poden ser utilizados para identificar a aqueles individuos máis susceptibles de desenvolver cancro, principalmente no ámbito do cancro colorrectal. Fernández asegura que a colaboración coa empresa xaponesa está a ser moi frutífera. “Ata o momento xa xurdiron multitude de ideas, que plasmamos en solicitudes de proxectos a diferentes convocatorias, incluídas a Horizon Europe, así como convocatorias de persoal investigador”.

O profesor Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e coordinador da área de Xenética e bioloxía de sistemas do IDIS, valora positivamente este tipo de acordos. “Esta colaboración entre institucións galegas e Fujitsu Research of Europe é de gran importancia para desenvolver solucións innovadoras que poidan ter un impacto a curto prazo na calidade de vida dos pacientes, demostrando o seu valor para o diagnóstico clínico e xenético. Ademais, esta colaboración crea unha contorna ideal de traballo conxunto que reúne a experiencia clínica e xenética de Galicia coa experiencia de Fujitsu en tecnoloxías da información”.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.