Ana Belén Crujeiras álzase co Premio Jesús Serra polo seu traballo sobre a progresión do cancro de mama en mulleres con obesidade

4 Decembro 2025

A investigadora líder do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do IDIS recibe o galardón na categoría de Investigación Clínica

O proxecto fará seguemento a mulleres posmenopáusicas con obesidade, con e sen cancro de mama, que adoptarán unha dieta cetoxénica baixa en calorías

A obesidade aumenta o risco de desenvolver cancro de mama e tamén o índice de recaídas tras o tratamento, dificultando a recuperación e acelerando o envellecemento das sobreviventes

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025.- A investigadora líder do grupo de Epigenómica en Endrocrinología e Nutrición do IDIS-CHUS e profesora da Universidade de Santiago (USC), Ana Belén Crujeiras Martínez, resultou gañadora da 7ª edición dos Premios á Investigación Jesús Serra 2025 na categoría de Investigación Clínica. O traballo galardoado, “Modulación epixenética a través de intervención nutricional en cancro de mama asociado a obesidade: aplicación clínica en terapias personalizadas e prognóstico clínico (EPINUTOBREST)”, investiga por primeira vez se a perda de peso en mulleres posmenopáusicas con obesidade mellora a eficacia dos tratamentos oncolóxicos en cancro de mama.

“O recoñecemento a este proxecto reforza a importancia de comprender como a obesidade inflúe na bioloxía do cancro de mama. Non só permitirá mellorar os tratamentos oncolóxicos, senón que tamén promoverá estratexias de prevención e sustentabilidade para reducir o impacto sanitario e social da obesidade”, declarou Ana Belén Crujeiras durante a cerimonia oficial de entrega celebrada onte en Madrid.

O Xurado dos premios que organiza a Fundación Occident quixo salientar “a excelente traxectoria investigadora de Ana Belén Crujeiras, membro de CIBEROBN, xunto coa calidade do proxecto presentado que levaron ao consenso nesta decisión “a pesar de estar entre un elenco de candidaturas moi competitivo”, segundo sinalaron. Este recoñecemento dotará cun total de 50.000 euros a esta investigación do IDIS que aspira a integrar terapias nutricionais na práctica oncolóxica e a promover estratexias de prevención personalizadas.

A obesidade, causa previble do cancro nos próximos anos

Aínda que se coñece que a obesidade empeora o prognóstico oncolóxico, non existen estudos clínicos que avalíen se a perda de peso mellora realmente a eficacia dos tratamentos oncolóxicos. Por este motivo, o grupo do Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do IDIS, liderado por Ana Belén Crujeiras, investiga por primeira vez se é posible xerar esta evidencia e mellorar os tratamentos oncolóxicos dispoñibles.

Este estudo seguirá a mulleres posmenopáusicas con obesidade, con e sen cancro de mama, que levarán unha dieta cetoxénica baixa en calorías –un patrón alimentario moi baixo en carbohidratos, moderado en proteínas e graxas saudables– ou un tratamento nutricional estándar para perder peso, comparando resultados con grupos de mulleres con peso saudable. Ao longo do estudo, analizarase a progresión tumoral do cancro, a composición corporal, o metabolismo, a calidade de vida e os marcadores epixenéticos de envellecemento e función mitocondrial, utilizando técnicas innovadoras en biopsia líquida, que permite monitorizar a evolución mediante unha simple análise de sangue.

“A obesidade será a principal causa previble de cancro nos próximos anos. No caso do cancro de mama, o máis común entre as mulleres e segunda causa de mortalidade feminina, a obesidade non só aumenta o risco de desenvolvelo, senón tamén o de recaídas tras o tratamento, dificultando a recuperación e acelerando o envellecemento das sobreviventes”, apunta Ana Belén Crujeiras.

Neste senso, a investigación incorpora terapias nutricionais na abordaxe clínica, para avanzar na medicina personalizada e promover estratexias de prevención e sustentabilidade que reduzan o impacto sanitario e social da obesidade. “Estes resultados tamén poderían incentivar á industria farmacéutica e alimentaria a desenvolver produtos orientados á prevención e ao tratamento do cancro asociado á obesidade”, sinala a investigadora.

Sobre Ana Belén Crujeiras

Doutora en Bioloxía pola Universidade de Navarra, lidera o grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición no CHUS-IDIS e é membro de CIBEROBN. A súa investigación céntrase en como a alimentación e o estado nutricional inflúen na saúde a través de mecanismos epixenéticos, con especial interese na obesidade, as súas comorbilidades e o cancro de mama. Editora asociada e membro de varios comités editoriais, tamén forma parte da xunta directiva da Sociedade Española de Obesidade (SEEDO), é membro da área de Obesidade da SEEN, é profesora no programa de Doutoramento de Endocrinoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e do Máster de Nutrición da Universidade de Vigo e participa en programas de asesoramento científico e iniciativas de saúde pública.

VII Premios á Investigación Jesús Serra

Creada en 2018, esta iniciativa foi pioneira en España en recoñecer a investigación de mozos investigadores (menores de 46 anos) nos ámbitos da alimentación, a nutrición e a saúde. Ao longo das súas sete edicións, impulsou proxectos en áreas como cardioloxía, diabetes, bioloxía molecular, epidemioloxía ou cancro, destacando a importancia da ciencia interdisciplinar para previr enfermidades prevalecentes. O xurado, presidido pola experta internacional en Cardioloxía Lina Badimon, avaliou 58 candidaturas (25 de investigación básica e 33 de investigación clínica), a cifra máis alta ata a data.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.