O I Curso SEEDO de Investigación Translacional en Obesidade “saca” o coñecemento do laboratorio para levalo á práctica clínica e a toda a sociedade

7 Setembro 2026

A iniciativa das investigadoras do IDIS e da SEEDO Ana B. Crujeiras, Luisa M. Seoane, Sulay Tovar e María Pardo logrou reunir en Ribeira a persoal da administración, universidade, centros de investigación, profesionais sanitarios, sociedade científica, industria e cidadanía.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026.- O Auditorio Municipal de Ribeira acolleu esta fin de semana o I Curso SEEDO de Investigación Translacional en Obesidade organizado polas investigadoras do IDIS e do Grupo de Traballo de Investigación Translacional en Obesidade da Sociedade Española de Obesidade (SEEDO) Ana Belén Crujeiras, Luisa María Seoane, Sulay Tovar e María Pardo.

As organizadoras aseguran que a elección de Ribeira responde á vontade de conectar ciencia e territorio. “Poderiamos organizar este encontro nun gran palacio de congresos, pero queriamos un formato diferente”, explica Ana Belén Crujeiras, líder do grupo Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do IDIS e CIBERobn e vogal da SEEDO, destacando as posibilidades que ofrece a contorna para vincular investigación, alimentación, actividade física, saúde e sociedade.

Neste contexto, a iniciativa celebrada baixo a lema “Do laboratorio á práctica clínica” logrou converterse nun espazo de encontro para persoal investigador, clínico e profesionais sanitarios que se dedican á atención das persoas con obesidade. As organizadoras partían de que, a pesar dos avances realizados nos últimos añvos en xenética, epixenética, vesículas extracelulares, microbiota, bioloxía molecular, farmacoterapia ou medicina e nutrición personalizada, unha parte deste coñecemento aínda non se traslada de forma eficiente á práctica clínica. “Queremos acurtar a distancia entre o que descubrimos no laboratorio e o que podemos facer por unha persoa con obesidade na consulta”, explica Ana Belén Crujeiras.

Conectar a investigación básica e clínica coa asistencia

A principal novidade do encontro é precisamente a súa vocación translacional. Por iso, no canto de presentar os últimos resultados da investigación, este encontro serviu para xerar un diálogo entre quen estuda os mecanismos da obesidade e quen debe aplicar ese coñecemento na práctica asistencial.

O programa científico reuniu diferentes niveis de investigación, desde os mecanismos celulares e moleculares até as súas posibles aplicacións diagnósticas e terapéuticas. A regulación do apetito e a homeostase enerxética, a plasticidade do tecido adiposo, a adaptación metabólica, os biomarcadores, a microbiota, a nutriepixenómica ou as novas estratexias terapéuticas formaron parte deste percorrido.

“Estamos a vivir unha auténtica revolución no coñecemento e tratamento da obesidade. Pero un descubrimento científico só adquire todo o seu valor cando somos capaces de trasladalo á prevención, ao diagnóstico ou ao tratamento das persoas con obesidade”, explica Crujeiras. Para esta experta, é fundamental asumir que “a obesidade non é simplemente unha cuestión de comer máis e moverse menos: é unha enfermidade crónica, complexa e multifactorial”; por iso, engade, “o futuro do tratamento desta enfermidade pasa por comprender e tratar a bioloxía de cada persoa con obesidade”.

Esta conexión entre investigación e práctica clínica foi o eixo do debate que pechou a xornada do venres 4 de setembro, baixo unha pregunta tan directa como significativa: “Como cambia todo isto a miña consulta o luns?”, que  tratou de analizar que coñecemento pode ter xa unha aplicación asistencial e que liñas de investigación poden converterse en futuras ferramentas para profesionais e pacientes.

O encontro serviu para mostrar como a investigación básica está a modificar a comprensión de procesos que teñen unha repercusión directa sobre o tratamento da obesidade. Un deles é a regulación do peso corporal. “Para tratar mellor a obesidade necesitamos entender primeiro como o noso organismo regula a fame, o gasto enerxético e a adaptación metabólica”, explica Luisa M. Seoane, directora do grupo de investigación de Fisiopatoloxía Endocrina do IDIS e CIBERobn e vogal da SEEDO.

O corpo regula de forma moi precisa a fame, a saciedade e o gasto de enerxía. Por iso, cando unha persoa perde peso, o organismo pode reaccionar tentando recuperar esas reservas: pode aumentar o apetito ou reducir o gasto enerxético. Isto axuda a entender por que non só pode ser difícil perder peso, senón tamén manter esa perda co tempo.

“Podemos imaxinar a obesidade como un teléfono estragado: o cerebro, o intestino, o tecido adiposo e outros órganos intercambian continuamente mensaxes. Cando esa comunicación se altera, os sinais que regulan o apetito, o metabolismo e o gasto enerxético deixan de funcionar adecuadamente”, sinala Luisa M. Seoane. “Investigar estes mecanismos non é unha ciencia afastada do paciente: permite identificar novas  dianas terapéuticas e desenvolver tratamentos máis eficaces, personalizados e duradeiros”, explica.

Tecido adiposo, biomarcadores e cerebro

Outro exemplo desta investigación con potencial translacional atópase no estudo do tecido adiposo. “A graxa corporal non é simplemente un almacén de enerxía: o tecido adiposo é un órgano activo que se comunica co resto do organismo, sendo capaz de producir multitude de sinais capaces de influír noutros órganos e na nosa saúde metabólica”, indica María Pardo, directora do grupo de Obesidómica do IDIS e CIBERobn e co-coordinadora do Grupo de Traballo de Investigación Translacional da SEEDO, quen asegura que “estamos a aprender a descifrar as mensaxes que envía o tecido adiposo ao resto do organismo”.

As células tamén se envían mensaxes. Unha das formas de facelo é mediante pequenas vesículas extracelulares que transportan proteínas, lípidos e material xenético. Estudar estas mensaxes pode axudarnos a comprender mellor que ocorre na obesidade. As vesículas extracelulares constitúen así un campo de investigación con potencial tanto para o desenvolvemento de biomarcadores como, no futuro, para novas estratexias terapéuticas. Como destaca María Pardo, “un dos obxectivos deste ámbito da investigación é, entre outros, identificar sinais que poidan detectarse en sangue e que permitan coñecer mellor o estado do tecido adiposo, o risco de desenvolver determinadas complicacións ou a posible resposta dun paciente a un tratamento”.

A investigación sobre os mecanismos que regulan o apetito constitúe outro exemplo de como o coñecemento básico pode terminar transformando a práctica clínica. “O cerebro é un dos grandes directores da nosa relación coa enerxía: integra sinais de fame, saciedade e estado metabólico e coordina a resposta de distintos órganos”, explica outras das coordinadoras do curso e directora do grupo Diabesidade de IDIS e CIMUS, Sulay Tovar.

O cerebro recibe sinais procedentes do aparello dixestivo, o tecido adiposo e outros órganos e intégraas para regular a inxesta e diferentes aspectos do metabolismo. “Os tratamentos que hoxe revolucionan a obesidade naceron de comprender como se comunican o cerebro, o intestino e o resto do organismo”, apunta Tovar. De feito, o éxito dalgunhas das terapias actuais demostra precisamente a importancia destas vías de comunicación entre órganos e cerebro, aínda que aínda quedan moitos sinais por descubrir e mecanismos que comprender.

Para esta investigadora, o coñecemento destas vías de comunicación abre novas posibilidades, tanto en obesidade como en patoloxías estreitamente relacionadas como a diabetes. “Obesidade e diabetes tipo 2 están estreitamente relacionadas. Comprender como o cerebro e os tecidos periféricos coordinan o metabolismo da glicosa e o balance enerxético pode permitirnos identificar novas estratexias fronte a ambas as enfermidades”, conclúe.

Da investigación a un medicamento máis preciso

A investigación translacional está a modificar a forma de entender a medicina da obesidade. “Dúas persoas co mesmo IMC poden ter unha bioloxía, un risco metabólico e unha resposta ao tratamento completamente diferentes”, sinala Ana B. Crujeiras. Isto está a modificar a abordaxe centrada fundamentalmente no peso cara a unha medicina máis precisa e personalizada, baseada no coñecemento dos mecanismos biolóxicos que interveñen en cada persoa.

Neste contexto, o programa do curso afondou nas posibilidades que ofrecen os biomarcadores metabólicos e inflamatorios, as vesículas extracelulares, a microbiota e a nutriepixenómica, xunto cos avances en alimentación, metabolismo e novas estratexias terapéuticas. O obxectivo é mostrar, precisamente, o percorrido que existe entre unha pregunta científica e unha posible aplicación clínica: do descubrimento dun mecanismo biolóxico á identificación dun biomarcador, unha nova diana terapéutica, unha estratexia preventiva ou unha ferramenta para personalizar o tratamento.

Un modelo de encontro diferente

A organización logrou un formato que favoreceu un intercambio científico máis próximo que o habitual nos grandes congresos, ao reunir en Ribeira a persoal investigador procedente de universidades, centros de investigación e estruturas asistenciais, xunto a profesionais de diferentes disciplinas implicadas no manexo da obesidade.

“A obesidade é demasiado complexa para abordala desde un único ámbito. Necesitamos sumar ciencia, clínica, alimentación, territorio e sociedade”, indica Crujeiras. Ademais, o programa incorporou unha gala benéfica e solidaria en favor da investigación en obesidade, aberta ao público, que foi todo un éxito. A iniciativa contou coa participación de Boticaria García e Javier Butragueño, acompañados dos grupos de baile locais Alecrín e Alfaia. Falouse de alimentación e exercicio desde o coñecemento científico, pero dunha forma próxima, comprensible e aplicable á vida cotiá.

O I Curso SEEDO de Investigación Traslacional en Obesidade contou coa colaboración do Concello de Ribeira, a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o CIBER de Fisiopatología da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), ademais de empresas colaboradoras do ámbito farmacéutico e alimentario.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.