A investigación desenvolvida polo grupo ITEN do IDIS, en colaboración con oito residencias DomusVi de Galicia, estuda novos biomarcadores sanguíneos para avanzar cara a unha detección máis temperá e un seguimento personalizado da deterioración cognitiva e as demencias
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026.– O proxecto “Biomarcadores sanguíneos e sinalización IGF para a detección precoz e seguimento lonxitudinal da deterioración cognitiva e a demencia”, enmarcado no proxecto de investigación COGNISANCE, foi seleccionado como finalista na categoría de Investigación sociosanitaria dos XI Premios da Fundación DomusVi.
A investigación está liderada por Roberto C. Agís Balboa, colíder do grupo de Investigación Translacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), e conta coa participación de José María Prieto González, líder do grupo ITEN e xefe do Servizo de Neuroloxía do CHUS; os investigadores predoctorais María de los Ángeles Fernández Ceballos e Vicente Piorno Lagos; o investigador posdoutoral Carlos Fernández Pereira; e a técnica de laboratorio Lara Vidal Nogueira.
Roberto C. Agís Balboa asegura que este recoñecemento “supón un importante estímulo para todo o equipo e pon en valor a colaboración entre o IDIS e DomusVi. O noso obxectivo é avanzar cara a ferramentas que permitan detectar e seguir a deterioración cognitiva de forma máis sinxela, accesible e personalizada. Pero, sobre todo, queremos agradecer a implicación dos profesionais das residencias e a xenerosidade das persoas maiores que participaron no estudo, porque sen a súa cooperación esta investigación non sería posible”.
O proxecto desenvólvese en estreita colaboración con profesionais de oito residencias DomusVi de Galicia, incluíndo persoal médico, de neuroloxía, enfermaría e administración e ten como principal obxectivo identificar biomarcadores presentes no sangue que permitan mellorar a detección precoz, a caracterización biolóxica e o seguimento da deterioración cognitiva e as demencias, incluída a enfermidade de Alzheimer.
Para iso, o persoal investigador traballa cunha cohorte de 156 participantes, distribuídos en tres grupos: 53 persoas sen deterioración cognitiva, 47 con deterioración cognitiva leve e 56 con demencia. Todas foron avaliadas ao comezo do estudo e despois dun ano, o que permite investigar como evolucionan os biomarcadores sanguíneos e a súa relación cos cambios cognitivos.
Unha investigación en fase moi avanzada, con resultados prometedores
O proxecto atópase actualmente nunha fase moi avanzada. Completouse o recrutamento de participantes, a recollida de mostras biolóxicas e as avaliacións clínicas correspondentes aos dous momentos de seguimento.
Así mesmo, completáronse as determinacións dos principais biomarcadores sanguíneos mediante a tecnoloxía ultrasensible SIMOA HD-X, obténdose resultados de grande interese científico que están a ser analizados e preparados para a súa publicación en revistas especializadas.
Paralelamente, completouse a secuenciación de microARN (miARN), pequenas moléculas que participan na regulación da expresión xénica e que poderían achegar información complementaria sobre os mecanismos implicados na deterioración cognitiva. Actualmente, os investigadores traballan na análise bioinformática destes datos, cuxos resultados darán lugar a novas publicacións científicas.
O estudo tamén avanzou na investigación do eixo IGF/IGFBP, relacionado con procesos de envellecemento cerebral e neurodexeneración, aínda que esta parte do proxecto continúa en desenvolvemento.
Unha alternativa menos invasiva para estudar os cambios do cerebro
Un dos aspectos máis innovadores do proxecto é a combinación de diferentes aproximacións moleculares a partir dunha mostra de sangue. Mediante a tecnoloxía ultrasensible SIMOA (Single Molecule Array), dispoñible no IDIS, é posible detectar cantidades extremadamente pequenas de proteínas relacionadas co dano neuronal e os procesos neurodexenerativos, como Nfl, GFAP, beta-amiloide e tau fosforilada.
Tradicionalmente, a caracterización biolóxica de enfermidades como o Alzheimer requiriu probas especializadas, como a análise do líquido cefalorraquídeo obtido mediante punción lumbar ou determinadas técnicas de neuroimaxe. Os biomarcadores sanguíneos ofrecen unha alternativa menos invasiva, potencialmente máis accesible e sinxela de repetir ao longo do tempo, o que resulta especialmente relevante para persoas maiores e pacientes con deterioración cognitiva.
Ademais, o proxecto combina estes biomarcadores coa análise de miARN e a investigación do eixo IGF/IGFBP, buscando identificar perfís moleculares que permitan comprender mellor a evolución da enfermidade.
Cara a unha atención máis temperá e personalizada
Aínda que os resultados deben completar a súa análise e validación, os investigadores consideran que esta aproximación podería ter aplicacións clínicas a medio prazo. “Poder obter información sobre procesos neurodexenerativos cunha análise de sangue podería contribuír a identificar persoas con maior risco de deterioración cognitiva, orientar a realización de probas diagnósticas adicionais e facilitar o seguimento da evolución da enfermidade”, explica Roberto C. Agís.
Para os pacientes, dispor destas ferramentas podería significar menos procedementos invasivos, unha detección máis temperá e un seguimento clínico máis personalizado, facilitando a planificación dos coidados e as decisións asistenciais.
Desde o grupo sinalan que estas técnicas “non pretenden substituír a avaliación clínica e neuropsicolóxica, senón complementala con información biolóxica obxectiva que axude os profesionais sanitarios”.


