Persoal do IDIS participa na II Xornada da Academia Asomega “Traxectoria e vida” este sábado en Santiago

13 Outubro 2026

A cita reúne, na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, a referentes e novas xeracións de médicos para falar de vocación e futuro 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026.– A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela acolle este sábado, 17 de outubro, a xornada Traxectoria e vida: experiencia, innovación e compromiso ao servizo da saúde. Trátase dunha iniciativa destinada a “achegar, ás novas xeracións, experiencias profesionais que dificilmente caben nun programa académico: traxectorias distintas, decisións que marcan etapas, avances científicos e tamén unha determinada maneira de entender o compromiso co paciente e coa profesión”, explica María Luz Couce, subdirectora da Academia Asomega e directora científica do IDIS.

Couce Pico, principal impulsora desta iniciativa, estará presente no acto inaugural xunto con Julio Ancochea, presidente da Asociación de médicos galegos (Asomega); Ángel Carracedo, director da Academia Asomega e investigador do IDIS, e o conselleiro de Sanidade, Antonio G. Caamaño, quen impartirá a primeira conferencia “Oncoloxía radioterápica: transformando a innovación en precisión”.

A continuación, a Dra. Ángeles Flórez Menéndez, líder do grupo Investigación traslacional en enfermidades dermatolóxicas do IDIS e xefa de Dermatoloxía do CHUS, falará sobre ”Dermatoloxía hoxe: experiencia e reflexión desde a práctica clínica” e o Dr. Rafael López, xefe do servizo de Oncoloxía do CHUS e líder do grupo Oncomet do IDIS, impartirá a conferencia “Da ciencia ao paciente na era do medicamento de precisión”.

“Descubrindo a atención primaria: experiencia, retos e avances en saúde comunitaria” é o título da charla que impartirá o médico de familia Pilar Rodríguez Ledo, á que seguirá “Da investigación ao paciente: innovación e experiencia en reumatoloxía” do catedrático de Reumatoloxía da Universidade da Coruña Francisco Blanco García.

A partir das 12:30 a Dra. Carmen Vidal Pan, xefa de Alergoloxía do CHUS e investigadora do IDIS, falará sobre “Innovación, avances e reflexións no manexo das alerxias” e pechará a xornada o Dr. José Ramón González Juanatey, líder da Área Cardiovascular do IDIS, coa charla “Como vivir máis de 100 anos con saúde?”.

O ciclo, que conta co apoio da Xunta de Galicia, Coren e a Universidade de Santiago de Compostela, quere ser, sobre todo, unha oportunidade para escoitar. Para descubrir que hai detrás dunha carreira médica consolidada, como evolucionan as especialidades e que preguntas acompañan a quen dedicaron anos á asistencia, á docencia e á investigación.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.