A Unidade de Epixenómica do IDIS reforza o seu papel como infraestrutura estratéxica no Simposio CIBEROBN-CIBERDEM

16 Outubro 2026

Ana B. Crujeiras destacou o papel da Plataforma de Epixenómica da Obesidade que permite a grupos de investigación que traballan en obesidade, nutrición e patoloxías metabólicas dispor de tecnoloxías epixenómicas avanzadas

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026.– A Plataforma de Epixenómica da Obesidade, integrada na Unidade de Epixenómica do IDIS, foi presentada no Simposio conxunto CIBEROBN-CIBERDEM, celebrado os días 15 e 16 de outubro en San Lorenzo do Escorial.

Durante o encontro, Ana B. Crujeiras, directora do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición (EPIENDONUT) do IDIS, presentou as capacidades científicas e tecnolóxicas da Unidade de Epixenómica, que coordina xunto con Ángel Díaz-Lagares de Epixenómica do Cancro no grupo ONCOMET, e destacou o papel da Plataforma de Epixenómica da Obesidade como infraestrutura de apoio á investigación colaborativa.

A Plataforma foi creada grazas á colaboración entre FIDIS e CIBEROBN, co obxectivo de pór tecnoloxías epixenómicas avanzadas ao alcance dos grupos de investigación que traballan en obesidade, nutrición e patoloxías metabólicas. Esta iniciativa permitiu consolidar unha capacidade científica estable e compartida, baseada en equipamento especializado, persoal cualificado e experiencia no desenvolvemento de estudos epixenéticos.

Entre as súas principais capacidades atópanse os estudos de metilación do ADN a escala epixenómica, a validación de biomarcadores mediante pirosecuenciación e outras aproximacións moleculares orientadas á análise dos mecanismos epixenéticos implicados na enfermidade.

Un dos aspectos destacados durante a presentación foi a vocación transversal da Plataforma, que facilita proxectos multicéntricos e colaboracións entre grupos do IDIS, CIBEROBN, outras áreas CIBER e institucións nacionais e internacionais.

“Dispor dunha infraestrutura especializada permite non só xerar datos de alta calidade, senón tamén conectar grupos, compartir coñecemento e desenvolver proxectos que doutro xeito serían máis difíciles de abordar”, destacou Crujeiras durante a súa intervención.

O Simposio CIBEROBN-CIBERDEM supuxo ademais unha oportunidade para reforzar as sinerxías entre a investigación en obesidade e diabetes, dúas áreas estreitamente relacionadas nas que a epixenómica pode achegar novas claves sobre os mecanismos moleculares da enfermidade, a resposta a intervencións e o desenvolvemento de biomarcadores.

A Plataforma de Epixenómica da Obesidade constitúe un exemplo de como a colaboración entre IDIS e CIBEROBN, ambas as dúas institucións do ISCIII, pode traducirse en infraestruturas científicas compartidas, capaces de optimizar recursos, aumentar a capacidade investigadora e favorecer o avance cara a unha medicina máis personalizada.

Desde a Unidade de Epixenómica do IDIS continuarase traballando na consolidación desta infraestrutura e na incorporación de novas tecnoloxías que permitan ampliar o seu alcance e o seu impacto na investigación clínica e translacional.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.