O Estadio de Atletismo da USC acollerá o domingo 22 de novembro unha xornada solidaria cuxa recadación irá integramente á investigación deste tumor
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2026.– A Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas chega por primeira vez a Santiago de Compostela o domingo 22 de novembro. A cita conta co apoio do IDIS e de Oncomet, que se suma ao doutras entidades e institucións para sacar adiante un evento co que se quere dar visibilidade a unha enfermidade que segue necesitando máis investigación.
Rafael López, investigador líder do grupo Oncomet, participou na presentación do evento no Pazo de Raxoi, onde expresou o seu desexo de que Santiago se converta nun dos referentes europeos na investigación do cancro de páncreas: “Santiago é unha cidade universitaria que ten a investigación dentro do seu xenoma”. Para avanzar neste ámbito, apuntou á necesidade de combinar tres elementos: concienciación da sociedade, financiamento público e privado e apoio aos investigadores, garantindo condicións que permitan desenvolver e manter os equipos científicos.
A carreira, con saída e chegada no Estadio de Atletismo do Campus Vinda da USC, comezará ás 10:30 h. Ao longo da mañá desenvolveranse diferentes probas adaptadas aos distintos niveis, tanto en categoría infantil como adulta, así como unha marcha camiñando non competitiva. Haberá trofeos para o tres primeiros postos de cada categoría.
As inscricións custan entre 6 e 10 euros e todo o recadado destinarase integramente á investigación en cancro de páncreas. Quen non poida correr pode colaborar co “Dorsal 0” ou cun donativo.
A inscrición estará aberta até o mércores 18 de novembro ás 23:59 h na web https://carreracancerpancreas.es/carrera-de-santiago-de-compostela.
A carreira está promovida pola Asociación de Cancro de Páncreas (ACANPAN), a Asociación Española de Pancreatología (AESPANC) e a Asociación Española de Gastroenterología (AEG) e organizada pola Federación Galega de Atletismo, coa colaboración do IDIS e do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).




