Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024.- Máis de 600 doentes a tratamento con fármacos antipsicóticos inxectables de longa duración da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza benefícianse xa dunha adaptación individualizada da súa medicación, co que se consigue incrementar a efectividade e reducir os efectos secundarios. Así, a medicina personalizada na optimización terapéutica será un dos asuntos a abordar no exclusivo Curso de investigación Biomédica en Farmacia Hospitalaria que celebra a súa terceira edición, no Hospital Clínico de Santiago, desde hoxe ata o venres 24 de maio.
Organizado polo Servizo de Farmacia da sanidade pública compostelá para promover e fomentar a investigación como piar fundamental no resto de Servizos de Farmacia estatais, contou, no seu acto de benvida, co asistencia do xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, a directora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Luz Couce, a xefa do Servizo de Farmacia, Irene Zarra e o coordinador da Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia local, Anxo Ferreiro.
O Servizo de Farmacia do Hospital Clínico Universitario de Santiago, xunto coas súas responsabilidades asistenciais e docentes, adquiriu o compromiso de situar á investigación clínica e traslacional como un dos seus piares fundamentais. Así, esta unidade de investigación xa amosou bos resultados asistenciais no campo da individualización terapéutica e medicina personalizada coa súa aposta pola investigación clínica e traslacional. A unidade apostou por incrementar a masa crítica de clínicos-investigadores no seu persoal, favorecendo así un achegamento entre a investigación biomédica e a práctica clínica no sistema nacional de saúde.
O IDIS desenvolve un modelo que predí a resposta ao tratamento de inmunoterapia en doentes de cancro de pulmón non microcítico
A nova combinación de proteínas ten un valor predictivo máis forte que o biomarcador actual desta enfermidade