A Plataforma de Composición Corporal e Chequeo Metabólico do IDIS pon os seus servizos a disposición de toda a poboación

12 Marzo 2025

Dotada da última tecnoloxía e con máis de 20 anos de experiencia, este servizo permite coñecer o noso estado nutricional e morfofuncional, a saúde celular, o estado físico ou identificar alteracións para a detección precoz de enfermidades

Deportistas e clubs profesionais e amateur están a usar xa a Plataforma do IDIS para mellorar o seu rendemento físicoç

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025.- “Trasladar o coñecemento científico e a experiencia acumulada á sociedade, para promover unha mellora na saúde e na calidade de vida”. Así describe Marcos Couselo, da área de Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e do CIBERobn, a Plataforma de Composición Corporal e Recoñecemento Metabólico, un servizo até agora circunscrito a pacientes do CHUS que se abre á poboación xeral tras comprobar os seus múltiples beneficios durante máis de dúas décadas.

“Cada vez somos máis conscientes da importancia da prevención e o coñecemento na saúde”, explica a Dra. Ana Castro Pais, responsable tamén da Plataforma de Composición Corporal do IDIS e pertencente ao CIBERobn. “Ás veces quen estamos nunha consulta centrámonos demasiado en tratar a enfermidade, e esquecemos a importancia da prevención e do coñecemento para que cada persoa sexa responsable e consciente da súa situación”, explica a Dra. Castro Pais.

Isto é o que tratan de paliar pondo a Plataforma “a disposición de toda a poboación, tamén das persoas sas. Só teñen que contactar connosco a través da páxina web da Plataforma de Composición Corporal do IDIS (www.idisantiago.es/plataformas-de-apoio-comun/nutriobesidomica)”, engade Marcos Couselo. Ao seu lado está Borja Golán, considerado o mellor xogador español de squash de tódolos tempos e actual seleccionador nacional, e os número 1 de Portugal e as Illas Virxes Británicas, Catarina Nunes e Joe Chapman,  que se puxeron en mans do equipo do IDIS para coñecer mellor o seu corpo e mellorar o seu rendemento deportivo a través do soporte científico, médico e tecnolóxico que ofrece a Plataforma de Composición Corporal.

Non son os únicos. Dous equipos ciclistas, o junior Picusa Academy e o equipo profesional portugués Tavfer que dirixe Gustavo César Veloso, forman parte do programa que permitirá aos seus deportistas coñecer o seu corpo “a nivel metabólico” e adaptar tanto o adestramento e o esforzo como a alimentación “para lograr o mellor resultado deportivo co menor impacto para a súa saúde”, explica Ana Castro.

Tecnoloxía de última xeración e aval científico

A Plataforma conta con tecnoloxía de última xeración, desde absorciometría de raios X á elastrografía de transición, calorimetría indirecta, petismografía por deslizamento de aire, ecografía muscular, bioimpedancia, monitorización continua de glicosa, probas de funcionalidade muscular etc.

Grazas ao seu amplo arsenal tecnolóxico e á experiencia acumulada na análise de composición corporal durante os últimos 20 anos, a Plataforma permite obter unha completa análise de múltiples parámetros: estado nutricional, morfofuncional e saúde celular; cantidade, calidade, potencia e funcionalidade da masa muscular; gasto metabólico en repouso e o fenotipado metabólico; microbiota; grao de hidratación; estado de saúde xeral e estado físico. E con todo iso, obter unha análise de riscos asociados (cardiovasculares, diabetes, sarcopenia etc.).

“Os resultados son sumamente interesantes, posto que permiten desde identificar alteracións que poden levar a unha detección precoz de patoloxías até coñecer o efecto que poden ter no noso organismo determinados fármacos, alimentos, nutrientes, compostos bioactivos, suplementos nutricionais ou diferentes patróns dietéticos. Isto convértea nun excelente indicador da saúde do individuo”, destaca Marcos Couselo.

“Ademais de deportistas, para monitorizar o estado de forma e a mellora do rendemento, é unha ferramenta valiosa para industrias do sector alimentario ou farmacéutico interesadas en valorar o efecto de produtos comercializados ou de novo desenvolvemento a nivel de composición corporal, para exames de saúde de empresas, para o sector público de I+D+i e, por suposto, para a poboación xeral”, explica o investigador do grupo de Endocrinoloxía Molecular do IDIS.

Con todos os datos obtidos, a Dra. Ana Castro Pais elabora un plan personalizado que abarca recomendacións nutricionais, adestramento específico, prevención de lesións e avaliación e axuste de tratamentos de perda de peso (se é o caso), e que se vai modificando ao longo do programa segundo as necesidades de cada persoa. “Deste xeito o paciente coñece o estado do seu corpo con datos científicos e ve como determinados hábitos inflúen de forma positiva ou negativa nel. Iso faino partícipe do cambio en prol da súa saúde, que é unha variable que, como investigadores e médicos, debemos potenciar moito máis: a prevención e o coñecemento na saúde”, conclúen os investigadores.

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.