A Plataforma de Proteómica do IDIS participa nun estudo para combatir o fígado graxo non alcohólico

31 Maio 2024

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024.- A Plataforma de Proteómica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago participa nunha nova investigación liderada por Rubén Nogueiras, coordinador do equipo do grupo Molecular Metabolism do CiMUS da USC. O estudo acaba de descubrir unha nova diana relacionada cunha proteína implicada no desenvolvemento da enfermidade do fígado graxo non alcohólico, unha patoloxía para a que non existe tratamento, que afecta xa ao 25 % da poboación española y cunha incidencia que crece ano tras ano.

O traballo, que acaba de ser publicado na revista Hepatology, identificou unha nova diana na enfermidade hepática graxa asociada á disfunción metabólica ou MASLD (do inglés metabolic dysfunction-associeated steatotic liver disease). Diversos estudos demostraron que esta enfermidade está a converterse nunha das causas máis importantes de enfermidade hepática en todo o mundo, cunha taxa de prevalencia global estimada de ao redor do 30 %, o que supón un desafío importante para a saúde pública en todo o mundo.

MASLD caracterízase pola acumulación de graxa no fígado (cun 5 % de graxa é suficiente para clasificar o fígado como graxo), e está estreitamente vinculada a trastornos metabólicos como a obesidade e a diabetes tipo 2. Esta enfermidade abarca desde a simple acumulación de graxa no fígado ata a esteatohepatitis asociada metabólica (MASH), que pode progresar a cirrosis e mesmo a cancro de fígado. O aumento da prevalencia de MASLD tanto en países desenvolvidos como en subdesenvolvidos fixo que se converta na causa máis frecuente de carcinoma hepatocelular (CHC) e require transplante de fígado.

Proteína esencial tamén fronte a infeccións virais

“Este estudo demostra que as persoas con MASLD teñen niveis elevados dunha proteína chamada MAVS (proteína de sinalización antiviral mitocondrial) no fígado, que ata o de agora é coñecida porque desempeña un papel crucial na resposta inmunitaria do organismo ante as infeccións virais. Ademais, MAVS tamén está elevada no fígado de ratos alimentados con dieta rica en alimentos procesados, graxas saturadas, azucres refinados e carnes vermellas). “A inhibición de MAVS no fígado diminúe significativamente a acumulación de graxa, a inflamación e o dano neste órgano” indican as principais autoras da investigación, Eva Nóvoa e Natália Lima.

No contexto de MASLD, a inflamación desempeña un papel crucial, xa que a activación de certas vías promove a expresión de proteínas proinflamatorias, contribuíndo así á progresión da enfermidade. “Demostramos que a inhibición de MAVS provoca unha melloría da inflamación xa que disminúe os niveis de dúas proteínas inflamatorias”, explican. “Atopamos que este mecanismo é eficaz tanto en roedores como en células humanas de fígado, pero aínda queda moito ata saber se inhibir MAVS en persoas con MASLD pode ser unha terapia eficaz e segura” engaden as investigadoras. O que é obvio é que se necesitan poñer sobre a mesa diferentes opcións terapéuticas, porque ata o de agora non existe un tratamento para MASLD, e a incidencia desta enfermidade crece ano tras ano.

Más noticias