Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024.- A Asociación Española Contra o Cancro presentou as súas Axudas á Investigación AECC 2024 concedidas na provincia da Coruña. No acto, celebrado na sede do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, entregáronse os diplomas correspondentes a 12 Axudas —do total de 16 outorgadas este ano despois de superar un esixente proceso de concorrencia competitiva a nivel nacional—. Na edición de 2024, as Axudas da Asociación supoñen un investimento de máis de 2,25 millóns de euros, que contribúe a continuar impulsando a investigación oncolóxica na provincia.
Os investigadores e investigadoras adxudicatarias do IDIS foron Ángel Díaz Lagares, Jorge Barbazán, Lucía Sanjurjo, Alejandro Failde e Pablo Canedo Pedreira. Con estas Axudas, a Asociación pretende favorecer a estabilidade laboral dos investigadores, fomentar a retención do talento en todas as etapas da carreira investigadora e financiar unha investigación de calidade en cancro, con especial atención a aqueles tumores cunha baixa supervivencia ou pouco frecuentes.
Carlos Lamora, vicepresidente provincial da Asociación, encargouse de conducir o acto, e antes de dar paso á entrega dos diplomas, destacou que con este acto “reafirmamos o noso compromiso co talento, coa investigación, coa supervivencia e cos pacientes”. Na Asociación Española Contra o Cancro “sabemos que máis investigación é máis vida. Temos o obxectivo de alcanzar o 70 % de supervivencia en cancro, e o camiño para conseguilo é leste. Estamos a avanzar, hai futuro e hai moito por facer tamén”. Son necesarias “ferramentas de diagnóstico precoz e tratamentos máis específicos e eficaces que melloren a calidade de vida dos pacientes. A través da investigación, estamos a abrir camiños cara a un futuro sen cancro, para previlo, curalo ou cronificarlo”
Galicia “está a avanzar en investigación”, asegurou Carlos Lamora. “Temos talento, grandes investigadoras e investigadores e centros de referencia, un ecosistema apto para a investigación. E temos que mellorar a situación dos nosos profesionais, investir en I+D, impulsar a innovación na investigación e asegurar a estabilidade e o crecemento dese talento investigador”.
Proxectos do IDIS
Tamén se adxudicaron dúas Axudas Investigador AECC, de 200.000 euros cada unha. A primeira foi para o Dr. Jorge Barbazán, investigador sénior no Laboratorio de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O obxectivo do seu proxecto é entender as causas da resistencia á radioterapia en pacientes con glioblastoma e desenvolver novas estratexias terapéuticas que permitan aumentar o control da enfermidade e a supervivencia dos pacientes.
A segunda Axuda Investigador AECC foi para a Dra. Lucía Sanjurjo, investigadora do IDIS. Co seu proxecto Nanovehículos para equipar ás túas células fronte ao cancro espera contribuír ao avance das terapias celulares avanzadas mediante o uso de nanotecnoloxía. Empregarán un innovador sistema de vehículos de ARN para facer máis seguras, rápidas e económicas os tratamentos CAR-T, e cargarán os nanovehículos cunha nova terapia —denominada STAb— que mostrou mellores resultados preliminares que as empregadas actualmente.
O Dr. Ángel Díaz Lagares, investigador da Unidade de Epigenética e do grupo Oncomet do IDIS, recibiu a Axuda TRANSCAN —150.000 euros— para desenvolver o proxecto EPILUNAR, que busca personalizar a inmunoterapia do cancro de pulmón mediante unha análise de sangue baseado en biomarcadores epigenéticos e intelixencia artificial. Desta maneira, é posible identificar os pacientes que realmente se van a beneficiar deste tipo de tratamento.
Axuda AECC Impacto
A axuda AECC IMPACTO, cun importe de 450.000 euros, é a que ten unha dotación máis elevada. Recaeu na startup biotecnolóxica Batea Oncology, representada pola súa CEO, a Dra. Sonia Martínez Arca. A empresa está a desenvolver un proxecto denominado GlioHook, un dispositivo médico non farmacolóxico para o tratamento do glioblastoma, o cancro cerebral máis frecuente e agresivo. Con el abórdase o principal problema neste tipo de tumores: a infiltración de células cancerosas remanentes tras a cirurxía no cerebro. A Axuda da Asociación servirá para completar os estudos preclínicos necesarios para probar o dispositivo en pacientes con glioblastoma e comprobar a súa seguridade e eficacia para reducir as recaídas e aumentar a supervivencia.
Entre o resto de adxudicatarios atópanse os proxectos dos investigadores José Tubío (CiMUS), Yolanda Prezado (CiMUS), Sofía Silva (INIBIC), Beatriz Rodríguez (CiMUS), Manuel Novas (USC), Marta Varela (USC), Ismael Amado (CiQUS).
Más información sobre o IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.