Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024.- Predicir que pacientes responderán a un tratamento é decisivo na abordaxe do cancro. Co fin de mellorar a superviviencia e calidade de vida dos afectados por cancro de pulmón non microcítico metastásico, o equipo investigador do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do IDIS acaba de publicar un artigo na revista Molecular and cellular proteomics que investiga a identificación dunha firma proteómica que proporcione información para predicir a resposta á inmunoterapia nesta patoloxía.
Durante o estudo, o grupo investigador analizou o valor preditivo que presentan as proteínas diferencialmente expresadas en pacientes con cancro de pulmón non microcítico metastásico en función da resposta que presentaron ao tratamento. No proxecto participou o persoal investigador do IDIS: Patricia Mondelo, Jorge García, Luis León Mateos, Alicia Abalo, Susana Bravo, María del Pilar Chantada, Laura Muinelo, Rafael López y, como últimos firmantes, Roberto Díaz y Ana Belén Dávila.
As análises destas proteínas realizáronse mediante unha metodoloxía coa que conta a plataforma de proteómica do IDIS, que permite a análise masiva de proteínas en plasma, denominada SWATH-MS. Dita metodoloxía permitiu identificar 324 proteínas expresadas de forma diferencial entre pacientes respondedores e non respondedores á inmunoterapia.
Predicir a resposta á inmunoterapia
Actualmente, a expresión do ligando de morte programada 1 (PD-L1) é o único biomarcador utilizado en clínica para predicir a resposta da inmunoterapia neste tipo de pacientes. Con todo, a expresión de PD-L1 presenta baixa eficacia preditiva, pois só arredor do 30 % de doentes con cancro de pulmón non microcítico, que presentan de inicio unha alta expresión de PD-L1, mostra unha boa resposta á inmunoterapia” explica Ana Belén Dávila, unha das autoras principais do estudo e responsable da liña de traballo de nano-oncoloxía de Oncomet.
O equipo investigador do IDIS desenvolveu un modelo composto por unha combinación de sete proteínas, Este conxunto de 7 proteínas mostrou un valor máis alto para predicir a resposta á inmunoterapia que o biomarcador actual, na cohorte de pacientes analizada. “As análises de supervivencia mostraron que niveis baixos de tres destas proteínas, asócianse cunha supervivencia libre de progresión e unha supervivencia global máis prolongada destes pacientes, mentres que os niveis baixos doutra destas proteínas asociábanse cunha peor supervivencia global”, sinala a investigadora.
Más información sobre o IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.