
Presentación do proxecto NEW HEART
O 9 de novembro, ás 11:00 horas, celebrarase no anfiteatro do IDIS a presentación de “New Heart”, o primeiro proxecto europeo de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal centrado na saúde cardiovascular.
Deseñado para mellorar a saúde cardiovascular de xeito integral nesta Eurorrexión, o proxecto fará balance do avanzado ata o momento e expoñerá os retos futuros, poñendo o foco na prevención, o diagnóstico precoz e a integración de novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial na práctica clínica.
O acto incluirá tamén a presentación do congreso “Melloras para vivir ata os 100 anos” (“Improvements for Living to 100”), que terá lugar o 19 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia. O congreso abordará cuestións como o envellecemento saudable e a transición da cardioloxía tradicional cara a un modelo preventivo e intelixente, combinando perspectivas clínicas, innovación tecnolóxica e desafíos de saúde pública.
