Investigadores do IDIS acadan 1 M€ para probar a eficacia dun novo tratamento para o ictus

11 Decembro 2019

Investigadores do Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Instituto de Investigación de Santiago (IDIS) veñen de acadar 1 millón de euros do Instituto de Salud Carlos III e da Unión Europea a través de fondos FEDER, para financiar o desenvolvemento clínico dun novo tratamento fronte o Ictus agudo cerebral. O novo fármaco xa demostrou, en fases experimentais, a súa eficacia para reducir as lesións que se producen tras un ictus e ao tratarse dunha proteína humana o risco de toxicidade é mínimo polo que podería ser aplicado de forma ambulatoria ante os primeiros síntomas.

Ao tratarse dunha proteína humana o risco de toxicidade é mínimo polo que podería empregarse de xeito ambulatorio nos primeiros momentos ante a sospeita de padecer a patoloxía

O estudo, que terá unha duración de 4 anos e estará liderado polo doutor Francisco Campos, realizarase en colaboración co Instituto Weizmann de Ciencias de Israel, co que o equipo do LINC leva xa tempo traballando no desenvolvemento deste mesmo fármaco.

Nas primeiras horas tras un ictus no tecido cerebral afectado prodúcese unha liberación descontrolada dun composto chamado glutamato que causa a morte neuronal e orixina graves secuelas nos pacientes se estes non son atendidos de forma inmediata nun centro hospitalario.

O fármaco que se vai estudar neste proxecto actúa reducindo o efecto neurotóxico que produce o glutamato tras o ictus e en consecuencia axudaría tamén a reducir as lesións neuronais dos pacientes. “A gran vantaxe deste composto é que se trata dunha proteína humana que está presente no sangue (concretamente dunha transaminasa) e por tanto cun limitado efecto tóxico, e, o que é máis importante, en caso de sospeita de ictus, podería ser administrado na ambulancia ou mesmo a nivel ambulatorio antes de que o paciente sexa avaliado por un neurólogo nun centro hospitalario, o que reduce de forma substancial o tempo de intervención, algo que é fundamental nunha emerxencia médica como o ictus”, subliña Francisco Campos.

O estudo dirixido por Francisco Campos, do LINC, desenvolverase en catro anos

O grupo do LINC leva anos traballando xa nesta liña de investigación e conta xa cun amplo análise no laboratorio de máis de 5 anos de desenvolvemento onde demostraron a eficacia terapéutica deste novo tratamento en fases experimentais.

“A garantía de todos estes estudos previos e a experiencia do LINC no campo da investigación sobre o ictus cerebral foron dúas pezas craves para conseguir este financiamento” abunda Campos. Nos próximos catro anos, co financiamento obtido realizaranse estudos de seguridade que garantan que o fármaco pode ser utilizado en humanos sen ningún tipo de risco e posteriormente tentarase determinar se este fármaco ten efecto terapéutico en pacientes con ictus cerebral.

Más noticias

Un estudo sinala os lípidos en sangue como potenciais biomarcadores de COVID persistente

A investigación na que intervén persoal do IDIS, do CiQUS e da Facultade de Física da USC supón un avance na comprensión das secuelas desta patoloxía e abre a porta para mellorar o seu tratamento.

O achado, publicado recentemente en ‘Journal of Infection and Public Health’, foi posible grazas á colaboración entre persoal médico e investigador de distintos perfís.

ler máis