A líder do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición acudiu xunto cos demais galardoados na 7.ª edición dos Premios de Investigación Jesús Serra
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026. A Súa Maxestade a Raíña recibiu en audiencia este xoves unha representación da Fundación Occident, así como os gañadores da 7.ª edición dos Premios de Investigación Jesús Serra, entre os que se atopaba a investigadora do IDIS Ana Belén Crujeiras.
A líder do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición foi a gañadora na categoría de Investigación Clínica co seu traballo “Modulación epixenética mediante intervención nutricional no cancro de mama asociado á obesidade: aplicación clínica en terapias personalizadas e prognóstico clínico (EPINUTOBREST)”. Un estudo no que, por primeira vez, se analiza que influencia ten a perda de ,peso en mulleres posmenopáusicas con obesidade, na mellora da eficacia dos tratamentos contra o cancro de mama.
O premiado na categoría Básica dos Premios de Investigación Jesús Serra foi Jordi Mayneris-Perxachs na categoría Básica. Ademais, este ano convocábanse, por primeira vez, os Premios Especiais de Comunicación Científica Federico Halpern, que recaeron na xornalista Cristina Saez (o de Medios Tradicionais) e nas divulgadoras Beatriz Robles e Laura Caorsi (o de Novos Formatos).
Os Premios Jesús Serra da Fundación Occident recoñecen carreiras destacadas que vinculan a nutrición e a alimentación coa saúde; os seus proxectos adoitan centrarse en campos como a tecnoloxía alimentaria, a microbiota, a epidemioloxía, a obesidade e a prevención de enfermidades a través da dieta.
Casa Real enmarca esta reunión dentro do compromiso da raíña Letizia “cos temas relacionados coa alimentación e a nutrición, unha das súas principais áreas de atención. Por iso, esta audiencia destaca o traballo daqueles que traballan para promover a saúde, a prevención e os hábitos de vida saudables”, indican nun comunicado.
Ana Belén Crujeiras, pola súa banda, expresou o seu agradecemento por este recoñecemento e por toda a traxectoria da raíña Letizia nos campos da saúde e a divulgación científica. “O seu apoio dá voz á ciencia e promove a investigación como piar fundamental para o benestar da sociedade”, explicou a investigadora do IDIS. “Este apoio non só proporciona recursos vitais, senón que tamén infunde esperanza e nos motiva a perseverar na procura do coñecemento, co obxectivo de mellorar a saúde pública e avanzar cara a unha atención sanitaria e unha ciencia accesibles para todas as persoas”.




