O IDIS incorpora o primeiro microscopio multifotón de Galicia

12 Xaneiro 2024

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024.- O IDIS presentou esta mañá a súa última incorporación tecnolóxica: un microscopio multifotón. Trátase do primeiro equipo de imaxe con estas características instalado en Galicia, e un dos poucos equipos que hai na Península Ibérica, que dará servizo ao persoal investigador do IDIS, así como ao resto de grupos que apoiaron esta solicitude pertencentes ao Instituto de Investigación Biomédica INIBIC (A Coruña) e IIS Galicia Sur (Vigo), en territorio galego; así como ISPA (Asturias), IBSAL (Salamanca) e IDIPAZ (Madrid) no resto de comunidades.

O acto celebrado no Anfiteatro do IDIS, estivo presidido por Eloína Núñez Masid, xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e Mª Luz Couce Pico, directora científica do IDIS, e no que participou Pablo Hervella, responsable do manexo desta plataforma. “A adquisición desta nova infraestrutura é, sen dúbida, para o IDIS e os demais centros participantes, unha iniciativa estratéxica que axudará a consolidarse como entidades de referencia internacional en investigación, posibilitando que se continúe desenvolvendo o puxante sector biotecnolóxico da rexión”, sinalaba Mª Luz Couce.

A adquisición do microscopio multifotón foi impulsada a iniciativa de José Castillo, director científico do IDIS no momento da solicitude da proposta, e foi adquirida grazas á obtención dunha axuda na convocatoria competitiva de infraestruturas do Instituto de Saúde Carlos III, que o financiou con 1.150.000 €, con cargo aos fondos europeos Next Generation. Na proposta participaron os seis institutos de investigación sanitaria mencionados, pertencentes a catro comunidades autónomas diferentes. O equipo instalouse nos Laboratorios de Investigación en Neurociencias Clínicas do IDIS, sendo unha plataforma que permitirá a visualización de tecidos, células e outras mostras biolóxicas de tamaño submicrométricos, tanto en condicións in vitro como in vivo.

Pola súa banda, o responsable do manexo do microscopio multifotón, Pablo Hervella, quixo agradecer o traballo dos tres institutos que participaron na proposta e a todos os que impulsaron a incorporación desta nova infraestrutura, “sen ese labor tan complicado non sería posible”, sinalou o investigador. Tamén a xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, resaltou a xenerosidade dos institutos que colaboraron na proposta “para gozar dunha tecnoloxía como esta que, evidentemente, é difícil conseguir e que axudará a ampliar o persoal investigador, ao mesmo tempo que fortalecerá as nosas relacións con outros centros, non só a nivel nacional, senón tamén internacional”, concluíu a xerente.

A plataforma conta cun equipo de imaxe moi versátil que será utilizado en diversas áreas de investigación como neurociencias, oncoloxía, cardioloxía, endocrinoloxía ou enfermidades raras, “potenciando de maneira relevante a investigación traslacional, repercutindo de forma directa na calidade de vida dos pacientes e na optimización de recursos do sistema sanitario”, sinalou Eloína Núñez Masid. O novo microscopio multifotón permitirá aos grupos de investigación incrementar de forma relevante a súa participación en proxectos e consorcios europeos, así como as súas relacións coa industria farmacéutica e biotecnolóxica, ao aumentar con esta adquisición a capacidade tecnolóxica. Ademais, este novo equipamento favorecerá a incorporación de investigadores que desenvolvan estudos preclínicos nos centros, como paso previo ao desenvolvemento de diferentes ensaios clínicos.

O acto de presentación contou coa asistencia do persoal investigador do IDIS, así como os representantes doutros centros que participaron na proposta da adquisición da infraestrutura: Mar Castellanos, directora do INIBIC; Francisco Blanco, exdirector científico do INIBIC; José Ramón Fernández Lorenzo, exdirector científico do IISGS; e Ángeles Almeida Parra, subdirectora científica do Instituto de Investigación Biomédica de Salamanca.

Máis información sobre IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) naceu en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III dende o ano 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1.213 profesionais, 106 grupos de investigación, 43,5 M€ de fondos recadados no último ano, o IDIS contribúe co seu traballo ao incremento do coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias