O IDIS obtén unha captación de fondos superior aos 50 M€ e bate un novo récord, segundo os datos da memoria anual 2023

2 Xullo 2024

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2024.- O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) presentou os resultados da memoria anual do ano 2023 que volven bater un récord histórico para a entidade. A directora científica do IDIS, Mª Luz Couce, foi a encargada de dar a coñecer os avances obtidos no último ano que consolidan ao centro como eixo da investigación sanitaria galega e biomédica de España, cun crecente nivel na captación de recursos e produción científica.

Segundo os datos presentados, o IDIS obtivo unha captación de fondos que supera os 50 millóns de euros (52.309.190€) en actividades de investigación, dos cales máis do 60 % corresponden a proxectos de investigación competitivos. Durante o acto, a directora científica quixo recoñecer o traballo realizado por todos os profesionais. “Esta memoria non é máis que o relato das vosas excelentes achegas ao Instituto;  volvemos bater récords nos nosos indicadores. Grazas polo voso entusiasmo e dedicación diaria cun claro obxectivo: mellorar a saúde das persoas”, nas súas palabras.

Os fondos foron obtidos en 120 proxectos de ámbito nacional e internacional, 81 axudas de recursos humanos competitivas, así como 277 estudos clínicos e 411 contratos e servizos asinados con outras entidades. Os datos tamén reflicten un total de 16 spin-offs activas, 7 marcas rexistradas e 47 solicitudes de patentes. No que respecta á produción científica, o Instituto publicou un total de 1008 artigos, editoriais e revisións o pasado ano.

A directora científica aproveitou para pór de relevo a necesidade dun edificio propio para o Instituto. “Vemos que os recursos crecen, a masa crítica tamén, pero necesitamos un espazo e novas instalacións. Esperamos que pronto o teñamos dispoñible para poder desenvolver a investigación dunha forma óptima”, sinalou Mª Luz Couce Pico, quen asegurou “seguir traballando para desenvolver ferramentas innovadoras e promover políticas que melloren a saúde das persoas”. Neste senso, a entidade está próxima a solicitar a reacreditación como Instituto ao ISCIII. “Sabemos que é unha carreira de fondo e este ano tócanos o sprint final, por iso solicitamos o voso apoio”, sinalou.

Ao acto de presentación asistiron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio Villanueva; o reitor da USC, Antonio López;  e a directora científica do IDIS, María Luz Couce Pico, quen deu a coñecer os resultados da memoria.

Proxección internacional

O alcance internacional do Instituto consolídase coa participación en 21 novos proxectos europeos. “A captación en proxectos internacionais supera os 7,2 millóns de euros; ademais o 45 % dos nosos traballos científicos xorden da colaboración internacional”, sinalou Mª Luz Couce Pico durante a súa intervención. Un total de 453 artigos foron publicados coa colaboración de grupos fóra de España.

A través do Plan Estratéxico 2023-2027, o IDIS estableceu unha folla de ruta para os próximos cinco anos co obxectivo de impulsar a actividade do Instituto, “potenciando o progreso de terapias avanzadas, favorecendo a nosa posición en estruturas cooperativas a nivel nacional e internacional; así como optimizando os recursos e procesos de xestión estimulando unha cultura innovadora que facilite a translación de resultados á nosa sociedade”, sinalou Couce.

Captar e reter talento

No 2023, o IDIS estivo composto dun total de 1338 persoas que se integran en 105 grupos de investigación, organizados en 7 áreas científicas: Oncoloxía; Xenética e Bioloxía de Sistemas; Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo; Neurociencias; Plataformas e Metodoloxía; Cardiovascular; e Infectoloxía, Inflamación e Vacinas.

Durante a presentación de resultados, resaltaron o incremento do capital humano dende a creación do Instituto no ano 2008. O pasado ano, obtivéronse 81 novos contratos de persoal procedentes de axudas competitivas, ademais presentáronse 90 teses doutorais, o que reflicte o incremento na masa de investigadores da entidade e a relevancia da institución no ámbito académico.

Non podemos esquecer que temos unha responsabilidade na captación e retención de talento. “Debemos proporcionar unha actividade formativa para as novas xeracións, por iso levamos a cabo un intenso labor mediante a organización de cursos, seminarios, congresos e actividades orientadas ao coñecemento”, explicou. Ademais, a directora puxo de relevo a importancia de difundir o noso traballo á sociedade a través de campañas de divulgación científica.

Más noticias

Talento investigador del IDIS premiado por la Fundación Astrazeneca

Talento investigador del IDIS premiado por la Fundación Astrazeneca

La investigadora Sara Pischedda, del grupo GenPoB-GenViP del IDIS, aborda en su trabajo el virus metapneumovirus humano (hMPV), una de las causas más frecuentes de hospitalización infantil por infecciones respiratorias.
Laura Muinelo Romay, investigadora del grupo Oncología Médica Traslacional del IDIS, fue otra de las galardonadas por un trabajo sobre resistencia a inmunoterapia en tumores digestivos y ginecológicos.

ler máis
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.