O IDIS participa no XX Congreso da Sociedade Española de Obesidade que se celebrará en Santiago de Compostela

19 Novembro 2024

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024.- A obesidade é unha enfermidade crónica multifactorial e un potente factor de risco para o desenvolvemento de patoloxías como a diabetes, enfermidades cardiovasculares, hepáticas, renais, neurodexenerativas e, mesmo, predispón a padecer varios tipos de cancro. A capital galega acolle este ano o XX Congreso da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO) que contará coa asistencia de líderes científicos nacionais e internacionais para analizar os últimos avances na investigación da obesidade, a súa prevención, diagnóstico e as estratexias terapéuticas a seguir. Os investigadores do IDIS, Ana Belén Crujeiras e Miguel Ángel Martínez Olmos, presiden o Comité Organizador local desta nova edición que se celebrará entre os días 27 e 29 de novembro, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Baixo o lema “Camiñando xuntos en favor das persoas que viven con obesidade”, a Xunta Directiva, os grupos de traballo e o Comité Organizador local elaboraron un programa innovador para analizar os últimos achados en obesidade integrando a investigación básica-traslacional e a clínica. Prevese unha asistencia de 600 congresistas científicos nacionais, ademais, nesta ocasión o encontro científico celebrarase conxuntamente coa primeira reunión dos “Centros colaboradores para o tratamento da obesidade” (COM) da Sociedade Europea de Obesidade (EASO), que espera unha participación de 200 asistentes internacionais, procedentes de Europa e América Latina.

Durante o Congreso, levaranse a cabo actividades específicas dirixidas á Next  Generation Canteira SEEDO, “onde os mozos profesionais da obesidade poderán intercambiar experiencias para seguir crecendo”, sinalan desde a organización. O obxectivo desta edición é dar visibilidade a todas as persoas e familiares que conviven con esta enfermidade, para iso darase continuidade ás mobilizacións cidadás “en apoio a esta afección médica e ao recoñecemento dos pacientes que levan anos loitando con ela”, apuntan.

Este evento científico pretende dar a coñecer os últimos avances en investigación experimental “ata os novos recursos farmacolóxicos e patróns de alimentación dispoñibles na prevención e o tratamento da obesidade, ao mesmo tempo que se comparten experiencias e estratexias para abordar esta enfermidade”, explica a investigadora Ana Belén Crujeiras, líder do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do IDIS e presidenta do Comité Organizador local. Por outra banda, na xornada inaugural celebrarase un cocktail coa participación dos chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante Horta do Obradoiro de Santiago de Compostela, en colaboración da Consellería do Mar e a Consellería do Medio Rural.

Actividades científicas para os máis novos

Tamén se celebrará un encontro entre mozos investigadores e profesionais da saúde que asistan ao Congreso SEEDO. A actividade inclúe un concurso de pílulas científicas “A túa investigación en 3 minutos” e un formato trivial “SEEDO adiviña e aprende” que se desenvolverá o próximo 27 de novembro, ás 22.00h, na Sala Riquela Club de Santiago de Compostela. A actividade terá unha duración de 2 horas aproximadas e ofreceranse certificados de participación aos asistentes rexistrados.

O obxectivo da xornada é presentar a iniciativa Next Generation – Canteira SEEDO. Esta comunidade de socios de SEEDO, cun enfoque novidoso, está composta por profesionais da área clínica e básica traslacional, e xorde da necesidade de establecer unha rede activa e comprometida coa promoción da investigación e a divulgación no campo da obesidade.

Andaina Cidadá

No marco do Congreso SEEDO, o IDIS organiza unha Andaina Cidadá cun itinerario de 5 quilómetros, baixo o lema “Camiñando xuntos en favor das persoas que viven con obesidade”. A ruta sairá o vindeiro sábado, 30 de novembro, desde o Monte do Gozo con chegada á Catedral de Santiago. A actividade está aberta de forma gratuíta a toda a poboación, os interesados e interesadas xa poden inscribirse e obter máis información na web https://congresoseedo.es/.

Máis información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

 

Más noticias