O IDIS participa nun proxecto europeo que conseguiu mellorar o tratamento trombolítico da fase aguda do ictus

3 Xaneiro 2024

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024.- O ictus isquémico é unha das principais causas de mortalidade e discapacidade actualmente. Ao longo de tres anos, os investigadores do grupo Ictus Traslacional do IDIS (TREAT) e do grupo Bionanotools do CIQUS (USC) conseguiron optimizar o único tratamento farmacolóxico existente para a fase  aguda da enfermidade a través de nanopartículas.

O estudo titulado “Terapia trombolítica a base de nanotransportadores liofilizados derivados de plaquetas para o ictus isquémico” acaba de ser publicado no Journal of Nanobiotechnology, unha revista de alto impacto científico. Esta investigación foi coordinada polos investigadores do IDIS Francisco Campos e Clara Correa; e Pablo Pino, Beatriz Pelaz e Ester Polo dende a USC. O traballo tamén se desenvolveu como parte da tese doutoral da investigadora do CIQUS, Martina Migliavacca, unha das autoras principais.

O ictus isquémico orixínase pola presenza dun trombo que impide o fluxo sanguíneo cerebral. O único tratamento farmacolóxico na fase aguda é o activador do plasminógeno tisular (rtPA), que desfai o trombo. “O problema deste tratamento é que só pode administrarse nas primeiras horas tras o inicio dos síntomas do ictus, ademais ten unha vida media curta, é dicir, degrádase rapidamente e nalgunhas circunstancias pode causar hemorraxias”, sinala a investigadora Clara Correa.

Neste traballo utilizouse a nanomedicina para evitar os efectos secundarios do rtPA, xa que as nanopartículas poden protexer ao fármaco da súa degradación e dirixir o tratamento ao trombo, onde o tratamento ten que facer efecto. Para iso utilizaron unhas novas nanopartículas, denominadas biomiméticas, formadas unicamente por membranas de plaquetas. Así as partículas encapsulan o rtPA e camúflano no sangue, evitando que se degrade e chegue ao trombo con maior facilidade.

“Mediante a encapsulación do fármaco conseguiuse protexer a súa actividade, aumentar a súa eficacia terapéutica e reducir os efectos adversos que causa”, sinala a investigadora Clara Correa. Ademais, levouse a cabo un proceso de liofilización destas nanopartículas, conseguindo que poidan conservarse e almacenarse a longo prazo, superando con éxito uno dos principais obstáculos para a aplicación e comercialización de medicamentos.

Referencias

En colaboración con laboratorios de Francia e Canadá, o grupo Ictus Traslacional do IDIS e o grupo Bionanotools do CIQUS (USC) acaban de publicar este artigo no contexto do Proxecto Europeo PLATMED, da Convocatoria Euronanomed, no que traballaron desde hai 3 anos.

Link para consulta do artigo:

https://link.springer.com/article/10.1186/s12951-023-02206-5?utm_source=rct_congratemailt&utm_medium=email&utm_campaign=oa_20240103&utm_content=10.1186/s12951-023-02206-5

Máis información sobre IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) naceu en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III dende o ano 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1.213 profesionais, 106 grupos de investigación, 43,5 M€ de fondos recadados no último ano, o IDIS contribúe co seu traballo ao incremento do coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias