O IDIS presenta un traballo pioneiro sobre a mala conduta científica

22 Decembro 2023

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023.- O IDIS presentou esta semana a primeira tese doutoral sobre mala praxe científica. O traballo titulado “Mala conduta en publicación científica: análise da situación e tipos específicos” foi presentado na Facultade de Medicina da USC pola súa autora Cristina Candal Pedreira, baixo a dirección dos investigadores do IDIS, Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, este último catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela.

Este traballo inclúe a descrición de artigos procedentes de “organizacións paper mills”, é dicir, aquelas potencialmente ilegais que fabrican artigos para a venda. Tamén establece a análise das retractacións por mala conduta científica en diversos países, concretamente en España, Portugal e Brasil; e as percepcións e experiencias de investigadores españois na área biosanitaria sobre prácticas relacionadas coa mala conduta. A tese preséntase por compendio de artigos científicos con 11 publicacións, das cales 8 foron publicadas en revistas indexadas no Journal Citation Reports e 3 atópanse enviadas para a súa publicación.

O obxectivo principal é analizar diferentes aspectos da mala conduta científica desde distintos enfoques, organismos nacionais encargados da integridade científica, as institucións de investigación, as revistas científicas e os propios investigadores; empregando para iso unha metodoloxía variada. “Os resultados deste traballo supoñen unha chamada de atención “ante a mala conduta científica nas súas múltiples facetas e tiveron gran difusión no ámbito académico e comunicativo”, sinala Alberto Ruano, un dos codirectores do traballo.

A publicación máis destacada incluída nesta tese foi a análise da evolución e a caracterización dos artigos procedentes de organizacións “paper mills”, publicado no ano 2022 no British Medical Journal, unha das revistas máis prestixiosas do mundo en biomedicina, onde o equipo da USC liderou un traballo no que participaron investigadores de Yale e Brown.

O estudo foi realizado cun contrato predoctoral de formación en investigación en saúde (PFIS), unha axuda competitiva do Instituto de Saúde Carlos III adxudicada a través do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Esta tese opta a mención internacional con estancias de investigación da doutoranda nas Universidades de Brown e de Yale, en Estados Unidos, e na Universidade de Nova de Lisboa, en Portugal.

Máis información sobre IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) naceu en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III dende o ano 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1.213 profesionais, 106 grupos de investigación, 43,5 M€ de fondos recadados no último ano, o IDIS contribúe co seu traballo ao incremento do coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias