O IDIS recibe a visita do Presidente da Xunta de Galicia

20 Maio 2022

  • Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puxo en valor o traballo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela confirmando a súa aposta pola investigación sanitaria e científica. Visitaron os laboratorios do grupo de investigación GenVip, dirixido por Federico Martinón Torres

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022. O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela recibiu hoxe a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; e do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que coñeceron as instalacións do laboratorio do grupo de investigación GenVip, dirixido por Federico Martinón Torres.
Alfonso Rueda agradeceu nesta visita, un dos primeiros actos públicos que realiza como presidente do Goberno galego, o traballo das investigadoras e investigadores do IDIS e destacou que é a súa labor a que fai que este “centro pioneiro” sexa un dos máis recoñecidos a nivel internacional no ámbito das enfermidades infecciosas e das vacinas infantís.

O IDIS, promovendo a investigación excelente
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela é un centro de investigación biomédica de marcado carácter traslacional que aproveita as sinerxias do Complejo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para impulsar, promover e fomentar a investigación de excelencia, o coñecemento científico e tecnolóxico e a súa posterior traslación ó sector produtivo. Tamén se impulsan desde o IDIS a docencia e a formación e sempre cun obxectivo claro: mellorar a saúde da poboación.
O IDIS constituiuse o 31 de xaneiro de 2008, mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela e está acreditado desde marzo de 2010, como centro de investigación do Sistema Nacional de Saúde, polo Instituto de Salud Carlos III, renovando dita acreditación en maio de 2015 e marzo de 2020.
Na actualidade 1.161 persoas intégranse en 99 grupos de investigación do IDIS, organizados a súa vez en 6 áreas de investigación: Oncoloxía, Xenética e Bioloxía de Sistemas, Endocrinoloxía, Neurociencias, Plataformas e Metodoloxía e Inflamación.

GenVip
GenVip é un grupo de investigación especializado na área pediátrica adicado ó estudo das enfermidades infecciosas, que desenvolve ensaips clínicos sobre vacinas. O equipo conta con 45 investigadores e investigadoras cun factor de impacto científico acumulado por encima de 5.000, xerando máis de 20 publicacións cada ano, e participando ó máximo nivel na primeira liña de investigación.
Este grupo, que forma parte do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, desenvolve os seus proxectos con institucións internacionais, como o Imperial College London, Genomic Institute of Singapore, Oxford Gene Technology, Ospidale Pediatico Bambino Gesú, PENTA Fondazione, Oxford University, Bristol University, etc, e tamén a nivel nacional, co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), o Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Respiratorias (CIBERES), ou a Direcció Clínica Territorial de Malalties Infeccioses i Salut Internacional (Badalona), entre outros.

Más noticias